O Concello aprobou hoxe 10 licenzas urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 1’6 millóns de euros

A actuación máis destacada é o acondicionamento dunha edificación, na rúa Cornubia, que se converterá nun novo Centro Deportivo.

Na sesión desta semana, o executivo adxudicou tamén os traballos para rexenerar o firme das vías de Romeán e da estrada de Chavián a Pedreda por importe de 63.000 euros.

Mércores, 24 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello aprobou hoxe 10 licenzas urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 1’6 millóns de euros

A área de Urbanismo Sostible trasladaba esta mañá, á Xunta de Goberno, dez licenzas para acometer diferentes actuacións no termo municipal que suporán un investimento local próximo aos 1’7 millóns de euros (1.696.767 €).

A máis destacada é o acondicionamento que se levará a cabo nunha edificación xa existente da rúa Cornubia, que se reformará para funcionar como Centro Deportivo. As obras previstas terán un custo de 1.341.998 euros e un prazo de execución dun ano.

Por outra banda, tamén se autorizou a mellora do ascensor nun edificio do Carril dos Indios e a instalación dun novo elevador noutro da rúa Ourense; a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Illas Canarias e a construción doutra en Meilán, así como a mellora térmica dun inmoble en Montirón, a redistribución interior dunha nave industrial sita no Parque Empresarial das Gándaras e un parcelamento de terreos na rúa das Mercadorías, alén do cambio de uso e reforma de dous alpendres en Conturiz e Penarrubia.

Xa noutra orde de asuntos, na sesión desta semana foi validada a adxudicación dos traballos para rexenerar o firme de dúas vías, a través da financiación procedente do Convenio de Cooperación Provincial co que o executivo de Lara Méndez pretende incrementar as dotacións das parroquias.

O portavoz, Miguel Fernández, explicaba que as intervencións previstas se levarán a cabo, concretamente, “en Romeán (15.938 €) e na calzada que conduce de Chavián a Pedreda (47.066 €). Obras que, no seu conxunto suman 63.005 €”, precisou.

“Trátase dunha mellora que reverte nas infraestruturas do rural, coa que se pretende abordar non só a súa conservación e mantemento, senón tamén o incremento das prestacións municipais á veciñanza”, indicou o edil.

Audio

  • O edil de Urbanismo, Miguel Fernández, sobre o resumo da XGL | Descargar mp3

Noticias relacionadas