O Concello aposta pola xestión integral do ciclo da auga para optimizar os recursos e mellorar o servizo

Martes, 27 de setembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, anunciou hoxe a creación dunha Comisión para estudar a xestión integral do ciclo da auga. A Comisión estará formada polo Alcalde e os concelleiros de Medio Ambiente, Economía de Infraestruturas, de diferentes servizos técnicos municipais e por representantes dos grupos políticos do Concello.

A proposta será debatida na vindeira sesión do Pleno municipal e o seu obxectivo é unificar a xestión de todo o ciclo da auga, co fin de optimizar os recursos e mellorar a xestión deste servizo, segundo declarou o Concelleiro de Medio Ambiente.

González Dopeso explicou que, na actualidade o Concello xestiona directamente o sistema de abastecemento mentres que a xestión do saneamento faise de xeito, a través dunha empresa. “Dado que os contratos coa empresa que leva o saneamento acaban o vindeiro ano, consideramos que este é o momento de pensar que forma é a que máis lle convén ó Concello para poñer en práctica a xestión integral da auga”, sinalou González Dopeso, quen lembrou que “o PSOE sempre apostou pola fórmula dunha empresa mixta na que teña maioría o capital municipal”.

Tamén manifestou que o obxecto desta proposta “é mellorar o modelo de xestión, unha vez que temos mellorado moito a calidade da auga”. Trátase de buscar a mellor forma de xestión do ciclo integral da auga, o que redundará en beneficio dos usuarios, asegurou o Concelleiro de Medio Ambiente.

Lino González sinalou ademais que “agora contamos cunhas novas infraestruturas que empregan tecnoloxías que tamén son novas e, polo tanto, requiren dun coñecemento máis especializado”.

Multimedia

Noticias relacionadas