O Concello ampliará as dúas marquesiñas do HULA e instalará unha nova nas inmediacións da UNED

Manuel Núñez avanzou estas actuacións, que teñen un orzamento total de 13.000 euros, "e por pequenas que parezan son importantes para mellorar o día a día dos e das luguesas"

Martes, 26 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, deu a coñecer este martes que o Goberno de Lugo ampliará as dúas marquesiñas existentes xunto ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), co obxecto de garantir un espazo cuberto a todas as persoas que viaxan no autobus urbano, así como ás usuarias do servizo de taxi. Concretamente trátase de duplicar a marquesiña actual dos taxis e engadirlle un módulo á do bus. 

Así mesmo, o Concello acometerá a fabricación e a colocación dunha marquesiña nas inmediacións do novo centro da UNED, no que están matriculados preto de 2.000 estudantes. Será unha marquesiña de dimensións 3,5 x 1,3 x 2,1 metros en aceiro, con vidro transparente. Incluirá un banco de madeira e teito de aceiro galvanizado e irá instalada sobre zapata de formigón existente.

Manuel Núñez apuntou que os veciños e veciñas están sempre no centro da xestión municipal, tanto en grandes proxectos como nas actuacións máis pequenas, pero imprescindibles para garantirlle unha calidade de vida óptima á cidadanía. Estas marquesiñas, que teñen un orzamento total de 13.000 euros -9.800 as do HULA e 3.250 a da UNED-, son actuacións que dan solución a necesidades da veciñanza, "e por pequenas que parezan, son importantes para mellorar o día a día dos e das luguesas".

Audio

Noticias relacionadas