O Concello adxudica o Plan de Roza, que arrancará de inmediato en Esperante

As tarefas de desbroce, que afectarán a uns 700 quilómetros de estradas municipais, contan cun orzamento de 97.200 euros e delas encárganse 8 tractores e unha decena de operarios

Con estas actuacións, que responden ás peticións veciñais, o Concello mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial, contribuíndo ademais a previr incendios

O Plan de Roza completará as tarefas de desbroce que xa acometeu a brigada municipal en máis de 150 quilómetros de estradas da zona rural

Martes, 11 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello aprobará na Xunta de Goberno deste mércores a adxudicación do Plan de Roza, que arrancará de inmediato, entre finais desta semana e principios da que vén, na parroquia de Esperante. Así o anunciou este martes o voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, quen avanzou que as tarefas de desbroce, que afectarán a uns 700 quilómetros, contan cun orzamento de 97.200 euros e delas encárgaranse 8 tractores e unha decena de operarios.

“Con estas actuacións, que responden ás peticións veciñais, o Concello mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial, contribuíndo ademais a previr incendios”; destacou Fernández, ao tempo que lembrou que este plan de actuación se enmarca na “decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños”.

Os traballos de desbroce acometeranse en 49 das 54 parroquias do Concello, facéndose cargo da limpeza viaria das 5 restantes a brigada municipal. Deste xeito, o Plan de Roza contempla o desbroce dos viais de Pías, Monte de Meda, Coeses, Soñar, Saá, Torible, Prógalo, Piugos, Meilán, Castro, Pena, Bocamaos, Ombreiro, Adai, Outeiro, Camoira, O Burgo, Lamas, Santa Comba, Recimil, Anxos, Coeo, Santa María de Bóveda, Teixeiro, San Román, Esperante, San Xoán do Alto, Orbazai, Santa María Alta, Bacurín, Bóveda-Santalla, Vilachá de Mera, Poutomillos, Mera, Calde, Veral, San Xoán do Campo, Cuíña, Ribas do Miño, Piñeiro, Carballido, Pedreda, Rubiás, Labio, Gondar, Bascuas, Romeán, Benade e Bazar.

O Plan de Roza completará as tarefas de desbroce que xa acometeu a brigada municipal en máis de 150 quilómetros de estradas da zona rural.

Noticias relacionadas