O Concello acada unha axuda de 14.000 euros para o acondicionamento do soto da Praza de Abastos

Rosana Rielo amosou a súa satisfacción por esta boa nova para a cidade, que redundará en beneficio de todas as persoas comerciantes e toda a cidadanía que merca nestas instalacións

Venres, 11 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, informou este venres de que o Concello vén de acadar unha axuda de máis de 14.000 euros para o acondicionamento e mellora da seguridade e salubridade na Praza de Abastos, dentro da liña de subvencións autonómicas convocadas para a consecución de mercados de excelencia.

A edil amosou a súa satisfacción por esta boa nova para a cidade, “que redundará en beneficio de todas as persoas comerciantes e toda a cidadanía que merca nestas instalacións”. Esta subvención, súmase a outros 14.417 euros aportados pola entidade local, coa finalidade de acondicionar o soto da Praza de Abastos para mellorar as súas condicións de seguridade e salubridade. Deste xeito, os e as vendedoras locais poderán amosar máis comodamente as súas mercadorías e así mesmo, facilitarlle aos veciños e veciñas a compra dos produtos de calidade que nela se comercializan.

O Goberno Local busca potenciar a Praza de Abastos e o Mercado de Quiroga Ballesteros e fomentar o consumo nestas instalacións municipais e convertela nun espazo de vangarda, que lle aporte un valor engadido á cidade e que mellore tanto o posicionamento dos seus negocios como o desenvolvemento da economía local.

Estas actuacións súmanse ao proxecto de adaptación e mellora da Praza de Abastos, que foi reformada recentemente, tanto no seu exterior -400.000 euros no cambio da cuberta do edificio e o acondicionamento exterior- como no seu interior –un millón de euros (financiados nun 80% pola Unión  Europea, a través do Plan Urban) en melloras de ampliación das zonas de tránsito (por exemplo abrindo ocos e liberando o espazo central do 1º andar), accesibilidade ou iluminación. Ademais, procedeuse á apertura dun túnel subterráneo que une o aparcadoiro de Santo Domingo coa praza, poñendo en valor os restos da calzada romana que se descubriron na escavación para construír este paso.

A maiores disto, na liña de dinamizar esta zona comercial da cidade, o Goberno licitará este ano a peonalización e a instalación dunha cuberta na rúa Quiroga Ballesteros.

Audio

  • A edil Rosana Rielo sobre a subvención da Praza de Abastos | Descargar mp3

Noticias relacionadas