O Concello abre un punto de promoción e información turística na Casa do Saber a través do obradoiro Cultur@Lvcvs

Trátase dunha das accións que están a desenvolver os 23 participantes do programa de inserción laboral, que arrincou en agosto e rematará en febreiro

Venres, 11 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Punto de promoción e información turística na Casa do Saber

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, visitaron este venres o punto de promoción e información turística que foi instalado no edificio do Vicerreitorado –na Casa do Saber-, a través do obradoiro de emprego Cultur@ Lvcvs que desenvolve o Concello. Trátase dunha das accións que están a desenvolver os 23 beneficiarios deste programa de inserción laboral que arrincou en agosto e rematará en febreiro. Durante estes seis meses, os alumnos mellorarán as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral recibindo formación especializada en turismo, xestión cultural e educación ambiental.

Durante a visita, Prieto subliñou que “ofrecer esta formación supón unha oportunidade única de poder formar como profesionais con alta cualificación aos desempregados lucenses e de facelo ademais nun sector polo que aposta o noso Goberno, pois o turismo é esencial para o desenvolvemento da nosa cidade”. A Concelleira aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración da USC e puxo a este punto de información como exemplo de colaboración entre dúas institucións para ofrecer un servizo de calidade.

Os encargados de atender este punto de información son os beneficiarios da especialidade formativa de Promoción Turística Local e Información ao Visitante, que conta con 8 alumnos -4 dos beneficiarios realizan as súas prácticas neste punto e outros 4 están a desenvolver actividades no campus universitario-. Os alumnos colaboran nas tarefas de atención e asesoramento aos visitantes e residentes nas súas demandas de información e revisan a información de interese sobre o entorno local para dar a coñecer o seu potencial turístico. No Vicerreitorado o punto de información, que se puxo en marcha o pasado 24 de novembro, permanecerá aberto ata febreiro en horario de martes a venres, de 08:00 a 13:00 horas.

A esta especialidade hai que sumarlle a de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais, con 8 alumnos, que organizan actividades didácticas e obradoiros para os máis novos –alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria- na Rede Municipal de Museos, e o soporte de ditas actividades (trípticos, cadernos didácticos e guías de centros), e a de Interpretación e Educación Ambiental, con 7 alumnos, que, entre outras actuacións, realizan visitas guiadas polas rutas naturais no entorno do Miño e o rural lucense, con especial atención a aquelas relacionadas ao Camiño Primitivo da Santiago. Ao finalizar o obradoiro, os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

Noticias relacionadas