O prestixioso premio de ámbito estatal e iberoamericano recoñeceu a renovación do servizo de recollida de RSU, limpeza viaria e xestión do punto limpo de Lugo impulsada polo executivo de Paula Alvarellos.
O edil recibiu o galardón nunha gala celebrada dentro das actividades da Feira Internacional TECMA, que se desenvolveu esta semana en IFEMA.
Entre outros aspectos, o xurado valorou o emprego de vehículos e maquinaria sostibles, o cambio ao sistema de carga lateral nos contedores, a apertura da oficina de atención ao cidadán ou a implantación do servizo de punto limpo móbil.
“Alcanzar o grao de máxima excelencia é un estímulo extra para seguir optimizando todos os servizos que axudan a mellorar a calidade de vida dos lucenses e as lucenses”, destaca o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.
- Tema

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, recolleu a Escoba de Platino coa que ATEGRUS recoñeceu A renovación do servizo de recollida de RSU, limpeza viaria e xestión do punto limpo impulsada polo executivo de Paula Alvarellos. O edil recibiu o galardón nunha gala celebrada dentro das actividades da Feira Internacional TECMA, que se desenvolveu esta semana en IFEMA.
Este premio sitúa a Lugo entre as cidades máis limpas, con mellores prácticas de reciclaxe e mellor xestión de residuos, seguindo así a referentes nacionais como Vitoria-Gasteiz ou San Sebastián. Ao recoller a Escoba de Platino, Fernández apuntou que “con este galardón vemos recoñecido todo o traballo que estamos a facer para consolidar a Lugo entre as cidades máis limpas e sostibles de todo o estado”. Igualmente sinalou que “este recoñecemento supón alcanzar o grao de máxima excelencia, despois da Escoba de Prata de 2008 e a de Oro de 2016, e é un estímulo extra para seguir optimizando todos os servizos que axudan a mellorar a calidade de vida dos lucenses e as lucenses”.
O recoñecemento, que concede a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos, Aseo Urbano e Medio Ambiente (ATEGRUS), é a máxima distinción dentro deste prestixioso galardón de ámbito estatal e iberoamericano. O xurado de expertos designado valorou, para conceder ao Concello de Lugo o recoñecemento dentro da categoría Municipios, Mancomunidades e Deputacións de máis de 50.000 e menos de 100.000 habitantes, o emprego de vehículos e maquinaria medioambientalmente sostibles, o cambio ao sistema de carga lateral nos contedores, a apertura da oficina de atención ao cidadán ou a implantación do servizo de punto limpo móbil.
Para o concelleiro de Transición Ecolóxica, “máis aló da dimensión que ten este recoñecemento, o verdadeiramente importante son os resultados logrados desde a implantación do novo servizo”. As cifras avalan a implantación das novas medidas que buscan aumentar o ciclo vital dos residuos. No ano 2023 recolléronse 1.266 toneladas menos que en 2022 dentro da fracción resto, mentres que as cifras aumentaron un 18% no caso da bolsa amarela e un 39% no papel e cartón. Neste caso o edil subliña “o crecente compromiso ambiental da poboación que, sumado á instalación da nova infraestrutura, afianza o modelo de concello sustentable no que traballamos desde o goberno local”. Outros dos aspectos destacados por ATEGRUS, como son a implantación da recollida de téxtil e aceite vexetal, tiveron como resultado a recepción de 184 toneladas de téxtil e 19 de aceite vexetal.




