O Concelleiro de Medio Rural anuncia obras por 84.000€ en vías de Lamas, Calde, Bóveda e Santa Comba

Consistirán no asfaltado, limpeza de cunetas e tajeas, renovación da sinalización horizontal e vertical e colocación de bases para contedores de lixo

O Concello adxudicou en 77.000€ e por un ano o servizo de información e dinamización sociocultural dos centros de convivencia do rural, situados en San Xoán do Campo, Calde, Coeses, Santiago de Saa, Bóveda, Santa Comba e Rubiás

Luns, 23 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, anunciou este luns a adxudicación por importe de 84.000€ de obras de acondicionamento de diversas pistas das parroquias de Lamas, Calde Bóveda e Santa Comba, actuacións enmarcadas no Plan de Mellora de Camiños Municipais 2018-2019,  co que “seguimos avanzando na mellora de servizos e infraestruturas no rural, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, un obxectivo central na acción política deste Goberno, que o rural sexa un lugar de oportunidades”, subliñou Fernández.

O prazo de execución destes traballos, que contan cunha subvención de Agader, é de 5 semanas dende a sinatura da acta de replanteo. Segundo o proxecto, elaborado polo Concello, as estradas nas que se actuará son as seguintes:

- En Lamas, a vía que une a N-640 co núcleo de Teicelle.

- En Calde, a que discorre entre Corral de Arriba e A Pena.

- En Bóveda, a estrada que vai da provincial LU P 2918 (De Lugo, por santa María de Bóveda, a Adai) ata o núcleo de Coeo.

- E en Santa Comba, a vía que parte da LU-546 ata o campo de fútbol.

As obras, que acometerá a empresa Leonardo Miguélez, consistirán na limpeza de cunetas e tajeas co fin de mellorar as condicións de drenaxe das pistas e facilitar a evacuación de auga; no varrido do firme e o bacheo con aglomerado para acadar unha base regular que facilitará a pavimentación posterior; o restablecemento das estruturas que facilitan o drenaxe; o asfaltado, e o pintado dos bordes extremos das franxas lonxitudinales. A maiores, mellorarase a sinalización vertical e horizontal para mellorar a información e a seguridade (stop, indicadores de destinos próximos e de entrada en poboación) e colocaranse dúas bases para contedores de lixo na Pena (Calde), outras tres en Bóveda, dúas en Abeledo e unha en Coeo.

Ademais destas actuacións, o Concelleiro de Medio Rural lembrou que está en marcha o Plan de Mellora de Camiños Municipais 2017-2018, a través do que se acondicionará o vial de Ferreirós, en Adai, a Ombreiro, cun orzamento de 58.200€. Así mesmo, a través do  Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2018, o Concello tramita contratación de tres proxectos de melloras viais en Esperante, Camiño do Muíño (Santo André de Castro) e Mazoi por importe de 103.000€.

Animación sociocultural

Por outra banda, Miguel Fernández informou de que o Concello vén de adxudicar por 77.000€ e un período de un ano (prorrogable por outros catro) o servizo de información e dinamización sociocultural dos centros de convivencia do rural, situados en San Xoán do Campo, Calde, Coeses, Santiago de Saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba e Rubiás. A adxudicataria dos contratos, licitados por lotes, foi a empresa Combina Social en todos os centros, menos no de Bóveda, porque presentou a oferta económica máis vantaxosa, ademais de melloras no número de horas gratuítas para a actividades e obradoiros, xornadas fóra do horario habitual de apertura e un incremento sobre o salario base dos traballadores dun 10,19% sobre o establecido nos convenios de referencia. No caso de Bóveda, a adxudicataria é a Billarda, por presenta a oferta económica máis vantaxosa e melloras no número de horas gratuítas para actividades e obradoiros, xornadas anuais fóra do horario habitual de apertura e un incremento sobre o salario base dos traballadores dun 2% sobre os convenios de referencia.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a mellora dos camiños rurais | Descargar mp3

Noticias relacionadas