O centro Europe Direct Lugo abordará as claves do Pacto Verde Europeo nunha xornada online que terá lugar este venres

O evento contará coa participación de Juan González, analísta político; Roberto Bande, decano da Facultade de ADE; e J. María de Juan, fundador de EARTH

O Green Deal, impulsado pola Comisión, ten como obxectivo acadar a neutralidade climática na UE no ano 2050, garantindo unha transición xusta e inclusiva.

A retransmisión da xornada poderá seguirse a través da canle de Facebook do centro. As persoas que se inscriban recibirán un diploma de asistencia.

Os interesados poden apuntarse en: www.desenvolvelugo.org/pactoverde

Martes, 23 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O centro Europe Direct Lugo abordará as claves do Pacto Verde Europeo nunha xornada online que terá lugar este venres

O centro municipal de información Europe Direct Lugo abordará as claves do Pacto Verde Europeo ou Green Deal nunha xornada online que terá lugar este venres, 26 de marzo, en horario de 11:30 a 13:30 horas. O evento, que será retransmitido a través da canle de Facebook do centro, contará coa participación de tres expertos do ámbito institucional, empresarial e universitario. A xornada está, ademais, vinculada á segunda gran transformación de Lugo, impulsada polo goberno de Lara Méndez, co obxectivo de acadar unha cidade á vangarda en materia de sustentabilidade.

O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta para dotar á Unión dunha economía sostible, cun obxectivo claro e ambicioso: acadar a neutralidade climática no ano 2050. Converterse no primeiro continente climáticamente neutro do mundo é o maior reto e a maior oportunidade á que se enfrenta Europa, e implica a adopción de medidas decisivas como o investimento en innovación e investigación, redeseñar a economía e actualizar a política industrial.

Para abordar todas estas cuestións, a xornada contará coa participación de Juan González Mellizo, analísta político da Representación da Comisión Europea en España; Roberto Bande Ramudo, decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC; e José María de Juan Alonso, fundador e vicepresidente de EARTH (European Alliance for Responsible Tourism and Hospitality) e fundador de SANNAS (Asociación de Empresas de Triple Balance).

Cómpre subliñar que as persoas que se inscriban para seguir a retransmisión do evento recibirán un certificado de asistencia. As inscricións xa se atopan abertas e poderán realizarse a través da seguinte ligazón: www.desenvolvelugo.org/pactoverde.

Actuacións que abrangue o Green Deal

O Pacto Verde Europeo establece un plan de acción para: impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación. Así mesmo, describe os investimentos necesarios e as ferramentas de financiamento dispoñibles, e explica como garantir unha transición xusta e inclusiva. Para alcanzar o obxectivo da neutralidade climática, será necesario actuar en todos os sectores da economía:

  • Investir en tecnoloxías respectuosas co medio ambiente.
  • Apoiar á industria para que innove.
  • Despregar sistemas de transporte público e privado máis limpos, máis baratos e máis sans.
  • Descarbonizar o sector da enerxía.
  • Garantir que os edificios sexan máis eficientes desde o punto de vista enerxético.
  • Colaborar con socios internacionais para mellorar as normas ambientais mundiais.

A UE tamén proporcionará apoio financeiro e asistencia técnica para axudar ás persoas, as empresas e as rexións máis afectadas pola transición cara á economía verde. Farao a través do Mecanismo para unha Transición Xusta, co que se mobilizarán polo menos 100.000 millóns de euros durante o período 2021-2027 nas rexións máis afectadas.

Noticias relacionadas