O Alcalde defende o labor en apoio das vítimas de malos tratos que desenvolve a Casa da Muller do Concello de Lugo ante os inxustos ataques que está a sofrir este servizo municipal

O persoal da Casa da Muller lamenta “a utilización e criminalización” dun servizo municipal que leva atendidas case 2.300 mulleres dende o ano 2000

No tempo que leva funcionando, a Casa da Muller non recibiu ningunha reclamación das usuarias

Mércores, 28 de xaneiro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde,  José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, visitaron hoxe a Casa da Muller onde mantiveron unha xuntanza co persoal deste servizo municipal e defenderon o apoio que presta o Concello de Lugo ás vítimas de malos tratos.

A Casa da Muller leva atendidas case 2.300 mulleres desque foi creada, vai facer 15 anos, e, neste tempo, ningunha usuaria presentou reclamacións nela polo trato recibido, algo que destacou o Alcalde logo de reunirse co persoal deste servizo.

López Orozco manifestou que, na Casa da Muller, “temos moi boas profesionais que levan facendo, dende hai moitos anos, un moi bo traballo na defensa dos dereitos da muller” e explicou que o obxectivo desta visita foi “coñecer de primeira man a súa versión” sobre as críticas a este servizo recollidas polos medios de comunicación, salvagardando en todo caso “o segredo profesional ó que están obrigados e obrigadas, dado o delicada que é o tipo de atención que prestan”.

López Orozco reprochoulle con firmeza ó Partido Popular a súa estratexia política coa que está a poñer en cuestión todo o traballo en materia de servizos sociais que se desenvolve no Concello de Lugo.

O Alcalde salientou que, de novo, “o Partido Popular dá a aunténtica cara do que é, eles están desmantelando todos os servizos sociais en Galicie e en España e, unha vez feito iso, agora atacan a liña de flotación dos servizos sociais que desenvolvemos os concellos”.

“Ésta é a política do Partido Popular que eu, como Alcalde, non podo consentir”, destacou López Orozco.

O Alcalde dixo que “demasiado problema temos na sociedade co feito de que haxa mulleres que sofren malos tratos, é un tema demasiado sensible como para que unha persoa sen escrúpulos poña en dúbida un servizo que as axuda”. Tamén amosou a súa preocupación polas consecuencias que pode ter o feito de sementar a desconfianza sobre un servizo como éste e preguntouse “cantas mulleres se retraeran de vir aquí explicar o seu problema e a pedir axuda para buscar solución ó seu problema”.

Comunicado do persoal da Casa da Muller

O persoal da Casa da Muller, pola súa parte, fixo público un comunicado no que lamenta "a utilización e criminalización pública da Casa da Muller, cando o principio que rexe a nosa actuación profesional non é outro co de intentar que os dereitos das mulleres en xeral e das mulleres que sofren violencia de xénero por parte das súas parellas en particular, sexan efectivos".

Tamén engade que “ a Casa da Muller dende a súa posta en funcionamento como recurso asistencial especializado no ano 2000, non recibiu suxestión, queixa ou reclamación algunha de maneira directa ata o día de hoxe, a pesares de que durante ese período de tempo un total de 2.223 mulleres foron atendidas no Servizo”.

Indica deseguido “é por elo que non podemos compartir as declaracións da Presidenta da Asociación de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero ´Si, hai saída`, por inxustas e por non axustarse á realidade”.

Sinalan tamén os traballadores que “o persoal da Casa da Muller respecta as opinións que, a título individual, poida ter calquera usuaria do servizo que sofre ou sufríu violencia de xénero e que as súaas expectativas persoais non se viran satisfeitas no momento no que demandou ou recibiu da nosa atención, por non ser da nosa competencia”.

O comunicado continúa explicando que “tal e como é sabido no ámbito das relacións humanas e profesionais non sempre se chega a acadar o nivel desexable de confianza, empatía e entendemento con todas as persoas usuarias dun servizo asistencial ao igual que ocorre noutros ámbitos de atención ás persoas, como pode ser a Saúde, o Emprego e os propios Servizos Sociais”.

“Sen embargo, negamos rotundamente a emision de xuizos de valor ante as decisións que tomaran ou tomen as mulleres sobre o seu proxecto vital”, precisa o texto e salienta que “como profesionais dun servizo especializado de atención á muller, incorporamos a perspectiva de xénero na nosa actuación profesional ao ter en conta os estereotipos sexistas, e a situación de desigualdade real que sofre a muller na sociedade. Informamos, asesoramos, apoiamos e acompañamos ás mulleres que sofren e sobreviven á violencia de parella, respectando en todo momento os seus tempos e tendo en conta o seu dereito de autodeterminación á hora de tomar libremente as decisións que lle afecten á súa vida, incluídas as relacionadas coa violencia de xénero”.

O comunicado que asinan todos os traballadores da Casa da Muller manifesta deseguido “de igual xeito, agradecemos e tomamos en consideración as críticas, comentarios e suxestións que calquera muller poida ou puidera formular, poñendo a súa disposición as follas de reclamacións e o propio Servizo Municipal de Atención á Cidadanía”.

Para teminar salienta “ademais, entendemos que a loita contra a violencia de xénero en Lugo non é patrimonio exclusivo dunha única asociación de recente creación e que a descualificación xeneralizada e indiscriminada doutros recursos e dispositivos que están a traballar para acabar con esta lacra social, non fan máis que contribuir a sementar a dúbida e a desconfianza nas mulleres que sofren a violencia por parte das súas parellas e resultando un impedimento máis para que intenten sair desa situación”.

Noticias relacionadas