O primeiro acto terá lugar mañá na árbore da vida de Santo Domingo, ás 12.30 horas, coa lectura das definicións de feminicidio e violencia vicaria, e a lembranza das vítimas.
A presidenta do Foro e edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, di que isto “simboliza a unión fronte aos asasinatos machistas, por riba de cuestións partidistas”.
Invítase a participar a toda a sociedade civil lucense nesta primeira concentración que se repetirá cada primeiro martes de mes, seguindo a proposta inicial do Foro Feminista.
O Concello de Lugo e Foro de Igualdade abren mañá, martes, a primeira das concentracións non silenciosas coas que dar visibilidade á loita contra a violencia machista, que como cada primeiro martes de mes, terá lugar na contorna da árbore da vida, en Santo Domingo, ás 12.30 horas. Así o acordaron o pasado mes de xullo todas as asociacións e colectivos que integran o Foro de Igualdade, que fan esta convocatoria para condenar as agresións sexuais, a violencia de xénero e os asasinatos machistas. Segundo apunta a presidenta deste foro e tamén edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, este acto “simboliza a unión fronte aos asasinatos machistas, por riba de cuestións partidistas, con concentracións non silenciosas, con berros á vida polas que xa non poden falar”.
Nesta primeira concentración, e a modo de manifesto, leranse as definicións de feminicidio e de violencia vicaria, ademais de nomear a todas e cada unha das mulleres asasinadas no que vai de ano. Así, neste 2025 houbo 23 feminicidios oficiais e 3 non oficiais, así como os crimes de tres menores por violencia vicaria. A isto se suman as tremendas consecuencias destes asasinatos, como é, entre outras, o feito de que 16 menores quedaron orfos este ano. Todas estas vítimas serán lembradas mañá ante a árbore da vida, tal e como acordou o Foro de Igualdade. Neste sentido, a súa presidenta explicou que “convidamos a toda a sociedade civil lucense a participar nesta primeira concentración. É outra forma de demostrar, todas unidas e alzando as nosas voces, para amosar o noso compromiso decidido e inquebrantable na loita contra a violencia machista”.
O Foro de Igualdade, presidido por Olga López Racamonde e coa edil Ángeles Novo como vicepresidenta, conta cun secretario e varios vogais en representación do Goberno Local e de todos os grupos políticos da Corporación Municipal. Está integrado por unha representante de: asociacións veciñais federadas e outra polas non federadas; das asociacións de persoas con discapacidade; Colexio de Enfermeria; Asociación de Mulleres Empresarias; a Unión de Asociacións Veciñais (unave); Secretariado da Muller do sindicato CC.OO; Secretariado da Muller do sindicato STEG; Secretariado da Muller do sindicato CIG; Secretariado da Muller do sindicato UXT; Fundacion Secretariado Gitano y APIG; Unions Agrarias-UPA; Aliad Ultreia; Asociación de Mulleres Rurais "A Landra"; Foro Feminista de Lugo e Asociación Gitana Phenjalipen.
Este colectivo conta como invitados e suplentes con representante das asociacións non gobernamentais de cooperación e desenvolvemento; Secretariado da Muller do sindicato CIG; Asociación de Mulleres Empresarias; Sindicato Labrego Galego; vogal polo Grupo Municipal do PP do Concello de Lugo; Colexio de Enfermeria; Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans; Plataforma Feminista de Lugo e Asociación Endometriosis.
Audio
- A edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre a convocatoria do Foro da Igualdade contra a violencia machista | Descargar mp3

