A concentración ante a Subdelegación do Goberno serviu tamén para lembrar a Verónica, de 46 anos, morta a mans da súa parella a pasada semana en Badaxoz.

A Praza de Armanyá, diante da Subdelegación do Goberno, volveu reunir esta mañá unha nova concentración de representantes da Corporación Lucense para gardar un minuto de silencio en sinal de condena pola morte dunha muller a mans da súa parella, que eleva a 30 as persoas asasinadas no que vai de ano. Verónica, de 46 anos, foi asasinada pola súa parella, de 43 anos, o pasado 14 de outubro, na localidade de La Codosera, en Badaxoz. Con esta vítima mortal, os crimes por violencia machista desde 2003, ano no que comezaron a contabilizarse estes asasinatos, son xa 1.325.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou esta morte como un novo crime machista e tamén informou que non existían denuncias previas por maltrato contra o feminicida, que xa está en prisión provisional sen fianza, acusado por un delicto de homicidio doloso.

