Ante a Subdelegación do Goberno gardouse un minuto de silencio en recordo de Ainhoa, morta a mans da súa parella, un home de 27 anos detido horas despois do crime.

Representantes da Corporación Local gardaron un minuto de silencio na concentración celebrada esta mañá ante a Subdelegación do Goberno en sinal de condena e repulsa do crime machista de Ainhoa, unha moza de 19 anos, asasinada pola súa parella na localidade de Librilla, en Murcia, o pasado 26 de outubro. Con este novo crime machista, son xa 33 as mulleres asasinadas no que vai de ano a mans das súas parellas ou ex parellas.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou a natureza machista do crime e informou de que non existían denuncias previas por maltrato contra o feminicida, un home de 27 anos, parella da moza, que foi detido horas despois do crime. Con este novo caso, as asasinadas desde 2003, ano no que comezaron a contabilizarse estes crimes machistas, son xa 1.328 mulleres.

