Miguel Fernández destaca que o obxectivo é compatibilizar de forma equilibrada os usos residencial, cultural, comercial e recreativo do recinto amurallado.
O rexedor salientou que “con visión de cidade, pensada para gañar calidade de vida, promover un modelo máis sostible e poñer en valor o enorme patrimonio que representa a nosa Muralla e a súa contorna”.
A primeira das reunións tivo lugar esta mañá coa asociación ADIS Lugo, que representa ao sector da distribución, da que o Goberno local fai unha valoración positiva.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, iniciou esta mañá a rolda de contactos cos colectivos implicados nos cambios de mobilidade que se están a aplicar como consecuencia das obras de peonalización total do Casco Histórico. A primeira das reunións tivo lugar esta mañá coa asociación ADIS Lugo, que representa ao sector da distribución, da que o Goberno local fai unha valoración positiva. Esta tarde será a quenda dos repartidores autónomos, e nos próximos días está previsto manter encontros coas asociacións de comerciantes e co tecido veciñal do recinto amurallado.
Segundo explicou o rexedor, estas reunións teñen como obxectivo “recoller as achegas finais dos distintos colectivos que desenvolven a súa actividade no Casco Histórico para axustar o novo modelo de mobilidade dunha forma que sexa o máis eficaz e equilibrada posible para todas as partes implicadas”.
Fernández salientou que a transformación do centro histórico nun espazo peonil e libre de tráfico de paso é unha actuación “con visión de cidade, pensada para gañar calidade de vida, promover un modelo máis sostible e poñer en valor o enorme patrimonio que representa a nosa Muralla e o seu entorno”. Con todo, matizou que “este proceso require diálogo e atención personalizada aos diferentes usos que conviven no recinto: o residencial, o cultural, o comercial e tamén o recreativo”.
O alcalde reiterou a vontade do Goberno local de que o modelo definitivo teña en conta as necesidades reais da veciñanza, dos negocios e dos colectivos profesionais que prestan servizos na zona. “Só así conseguiremos un Casco Histórico vivo, accesible e plenamente funcional para todas e todos”, concluíu.

