O alcalde agarda que a reunión co conselleiro de Sanidade implique un avance para o centro de saúde do Sagrado Corazón e un compromiso firme de dotacións para o barrio

Miguel Fernández lembra a Gómez Caamaño que o Pleno tamén aprobou por unanimidade que o Concello cedería a totalidade da parcela á Xunta para construír infraestruturas de servizo público.

Espera que o encontro, para o que recibiu unha solicitude este mércores, sirva para adquirir a promesa do propio titular de Sanidade de que o Goberno Autonómico investirá no que é o único terreo do barrio para usos dotacionais. 

Para o rexedor “é clave que ambas administracións colaboremos para responder ás demandas veciñais e avanzar na transformación que experimentará a zona coa Intermodal”.

Venres, 04 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, agarda que a reunión co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, implique un avance real para o centro de saúde do Sagrado Corazón e ademais un compromiso firme de dotacións para o barrio. Así o explicou hoxe o rexedor municipal, despois de recibir o mércores unha carta na que o propio titular de Sanidade solicita unha reunión para tratar sobre esta dotación sanitaria, que se construirá na parcela do antigo colexio.

No citado escrito, o titular de Sanidade celebra “o acordo plenario para a cesión á Xunta dos terreos necesarios para a execución desa infraestrutura sanitaria, aprobado, ademais, por unanimidade de todos os grupos políticos”. Efectivamente, sostén o alcalde, “este foi un dos acordos do Pleno de decembro, como tamén o foi, co mesmo respaldo de toda a corporación, unha enmenda do PSOE para que o traspaso incluíse os 5.700 metros cadrados da totalidade da parcela para que a Xunta faga ademais do centro de saúde, outras infraestruturas de servizos públicos para o barrio, nus terreos que son os únicos reservados a usos dotacionais”.

Por este motivo, Miguel Fernández cree que “a Xunta non pode achacar rectificación ao Concello. A alcaldesa Paula Alvarellos traballou intensamente neste sentido: presentando novas localizacións e alternativas para, tal e como pasou, desbloquear o tema; mantendo un contacto continuo cos veciños e veciñas do barrio para escoitar e atender as súas demandas e avanzando nas negociacións coa Fundación Abanca para a permuta de parcelas”. Pola súa banda, lembra o alcalde de Lugo “desde a Consellería de Sanidade sinalaron en varias ocasións que só precisaban duns 1.500 metros cadrados para a construción do centro de saúde, polo que agardo que nesta reunión podamos acadar o compromiso oficial do conselleiro de Sanidade de que o Goberno Autonómico cumprirá coas súas competencias para intervir na totalidade da parcela, con esas dotacións de servizos públicos que reclama a veciñanza como unha gardería ou un centro de día”.

Asemade, o alcalde chama a atención sobre a “necesidade de que a Administración Autonómica e todos os seus representantes teñan unha mesma folla de ruta, sen cambios de versións, para non xerar confusións entre a veciñanza e o resto de partes implicadas neste importante proxecto para o barrio”.

Por último, o rexedor de Lugo fai fincapé en que “o Sagrado Corazón, as Gándaras e mesmo Paradai experimentarán un salto cualitativo coa construción da Estación Intermodal e a creación do paso de cidade que conectará todo este ámbito urbano. Sería unha mágoa non aproveitar a ocasión para incorporar ao seu desenvolvemento infraestruturas de servizos coma as que se poden construír nesta parcela, que garantirían a supervivencia dos barrios e a súa revitalización, ao tempo que se ofrecen prestacións en prol de incrementar a calidade de vida, especialmente na terceira idade”.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a futura reunión co conselleiro de Sanidade | Descargar mp3

Noticias relacionadas