O 39% dos lucenses afirma reciclar o lixo correctamente

Mércores, 14 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Un 39,33% dos lucenses que contestaron na enquisa semanal da páxina web www.lugo.es asegura que realiza a separación total do lixo, utilizando os colectores clasificados tal e como está diferenciado hoxe en día na cidade: orgánico, envases, vidro, papel e pilas. Pola contra, o 36,49% afirma non separar ningún tipo de lixo. Os resultados, totalmente polarizados, reflicten que existen na práctica dous tipos de cidadáns. Os que separan o fan con todo o lixo e por outra banda os que non reciclan non fan separación de ningún tipo. Na enquisa participaron un total de 211 persoas, das que 83 votaron pola separación total e 77 pola opción menos solidaria. Por outra banda, 22 persoas (o 10,42%) afirma que realiza unicamente a separación entre envases e orgánico, 13 (6,16%) di que separa todo agás as pilas, 10 (o 4,73%) separa só pilas e 6 (2,8%) separa só o vidro ou o papel. A enquisa estivo activa dende o 23 de xaneiro ata esta mañá. Dende hoxe, todos os lucenses que o desexen poden opinar sobre o xeito de cruzar as rúas como peóns. Ademais, un total de 14 persoas enviaron as súas opinións, orientadas na súa maior parte a unha protesta pola escasez de contedores para a separación selectiva. Sen embargo, o Concelleiro afirma que Lugo é a cidade galega que conta cun maior número de colectores por veciños, aínda que non se poden colocar os de vidro e papel en cada rúa. Por outra banda, os contedores de pilas, colocados en zonas céntricas ou próxmas a núcleos con moito movemento, recolleron o pasado ano 2.294 quilos de pilas. O mes de xaneiro, con 687 quilos, foi o momento no que se produxo unha maior recollida. Como sempre, os resultados das enquisas feitas con anterioridade poden ser consultados na propia web.

Noticias relacionadas