Muller e Igualdade defende desenmascarar o machismo no Samaín e lembra que os disfraces non teñen xénero

Xoves, 27 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Muller e Igualdade defende desenmascarar o machismo no Samaín e lembra que os disfraces non teñen xénero

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Muller e Igualdade, activa no Samaín unha campaña para vivir esta celebración libre de roles e estereotipos machistas dende a infancia. Esta iniciativa céntrase, do mesmo xeito que o fixo no Entroido, na responsabilidade das familias á hora de comprar o disfrace e ten como obxectivo conciencialas ao redor de que o ideal é que os disfraces poidan ser utilizados indistintamente polas nenas e por nenos, cortando deste xeito cos estereotipos asignados a mulleres e homes e desenmascarando o machismo.

A Concellería de Muller e Igualdade, consciente de que o sexismo segue a manifestarse nos disfraces desta cita do outono, remitirá aos colexios do municipio unha serie de recomendacións ao respecto para que as distribúan entre o alumnado e contactará coas asociacións de nais e pais dos distintos centros escolares. A maiores difundirá estas recomendacións a través das redes sociais e no programa municipal Aprende Xogando.

Entre as recomendacións a ter en conta no momento da selección da compra ou confección dun disfrace figura descartar aqueles disfraces que supoñan unha "hipersexualización" que afecta en moitos casos ás nenas menores de idade; así como elixir disfraces que estimulen a imaxinación de nenas e nenos e desenvolvan a súa creatividade.

Noticias relacionadas