A moda lucense darase cita o venres na gala Enfiando, co apoio do Concello e da Deputación de Lugo

O evento exporá o vindeiro día 29 de marzo, ás 20:30 horas, no Circulo das Artes, as últimas novidades do deseño lucense, tanto en moda como complementos e artesanía

Nesta edición participarán cinco deseñadores consolidados na provincia, cinco noveles e 15 artesáns. A condución da gala estará a cargo da actriz galega Marta Doviro

As entradas terán un coste de 15 euros e estarán dispoñibles nos seguintes establecementos: Rebolo Bellas Artes, M&N Xoias, Tina Cortón, Montse Arias e Sara Lage

Luns, 25 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A moda lucense darase cita o venres na gala Enfiando, co apoio do Concello e da Deputación de Lugo

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Cultura, Pilar García, xunto coas responsables da Asociación de Creadores de Moda Lucense -ACML-, presentaron este luns no CENTRAD a décima edición da Gala de Moda que este ano leva por nome Enfiando e que contará coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo. Este evento reunirá o vindeiro venres, 29 de marzo, ás 20:30 horas, no Circulo das Artes, as últimas novidades do deseño tanto en moda como complementos e artesanía, todos con selo lucense.

Trátase dunha gala que ten como obxectivo promocionar e dar visibilidade ao traballo que están realizando os artesáns e deseñadores de Lugo. A través deste evento a cidadanía pode coñecer nunha gala de luxo a calidade das e dos deseñadores lucenses.

Máis de 25 participantes

A Gala de Moda Enfiando estará conducida pola actriz galega Marta Doviro. Nesta edición contarase cos deseñadores: Tina Cortón, Montse Arias, Sara Lage, M&N xoias e Ramón Rebolo; 5 deseñadores noveles: Sergio Marey, María Astorgano, Antía Vilar, Ariadna e Liliana Castiñeira; e con 15 artesáns lucenses: Traxandaina, Lanalutum, Corazones Artesáns, Cecilia Carballo, Tres Caracoles, Imavi, Mis Marinillas, Beatriz Valin, Barroenvivo, Cesteria Viva, Paula Dimé, Bolboretas de Coiro, Obradoiro, Mi madre no me deja e Sesé. A roupa que se poderá ver na pasarela inclúe vestidos de noiva, roupa de festa, de rúa e roupa urbana.

Nesta ocasión, as entradas terán un coste de 15 euros e estarán dispoñibles nos seguintes establecementos: Rebolo Bellas Artes, M&N Xoias, Tina Cortón, Montse Arias e Sara Lage.

Noticias relacionadas