Rubén Arroxo fixo balance das actuacións realizadas pola área de Mobilidade que melloraron as conexións da cidade coa zona do Río, que contaron cun investimento total de 132.842€.
Arroxo: “as actuacións feitas no Barrio Xuíz, no carril do Xuízo e na rúa Virxe da Esperanza permitiron mellorar no último ano o acceso a unha das zonas de paseo máis utilizadas pola veciñanza”

O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, fixo balance das actuacións realizadas no último ano para mellorar a conexión da cidade coa zona do Río Rato. Arroxo explicou que “desde a área de Mobilidade tratamos de mellorar o acceso ao Rato ao mesmo tempo que dabamos solucións á mobilidade, mellorando tamén a calidade de vida da veciñanza”.
A área de Mobilidade actuou no último ano no Barrio Xuíz, mellorando o estado de todos os viais dunha zona próxima ao río, que se atopaba nun avanzado estado de desgaste. Nos últimos meses, realizouse tamén a mellora do asfaltado do Carril do Xuízo, onde se mellorou a adherencia do vial, substituíndose o asfalto na parte inferior, que chega á zona do río. Por último, vense de rematar o asfaltado da rúa Virxe da Esperanza, que une Montirón con San Fiz e o Paseo do Rato.
En total, o Concello de Lugo investiu 132.842,69€ “que foron adicados á mellora da calidade de vida da veciñanza de cada zona da cidade e ao mesmo tempo á mellora dunha das zonas verdes máis importantes de Lugo”, segundo explicou Rubén Arroxo. O Tenente de Alcalde lembrou que “coas restricións de mobilidade actuais, o Paseo do Rato estase a converter nunha das zonas máis utilizadas polas veciñas e veciños para practicar deporte e pasear, e desde o goberno municipal queremos facilitar que toda a veciñanza poida acceder á zona”.