A Alcaldesa, xunto aos concelleiros de Infraestruturas Urbanas e Benestar Social e representantes de Auxilia, COGAMI e ACADAR, supervisou as obras de substitución do adoquinado por baldosas de granito no tramo da beirarrúa da Ronda da Muralla entre Montero Ríos e a Porta da Estación
O proxecto impulsado polo Goberno a petición de Auxilia contou cun investimento de 46.800€ da ARRU do casco histórico

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto aos concelleiros de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, supervisou este mércores as obras de mellora da mobilidade acometidas polo Concello na beirarrúa da Ronda da Muralla entre Montero Ríos e a Porta da Estación, tramo no que se cambiou o adoquinado por baldosas de granito, pavimento máis cómodo e seguro para persoas con mobilidade reducida.
Estas actuacións impulsadas polo Goberno local en resposta á demanda efectuada por Auxilia permiten un itinerario peonil totalmente accesible dende a Porta de San Pedro ata o ascensor da Muralla, no Carril dos Romanos, xunto á Porta Falsa, percorrido que fixeron esta mañá a rexedora e os edís, xunto con representantes de Auxilia, Aquilino González; COGAMI, José Luis Lolo; e ACADAR, Mónica Álvarez.
A Alcaldesa subliñou a importancias destas obras para a “eliminación de barreiras no entorno de dous patrimonios da humanidade –a Muralla e o Camiño Primitivo-“, polo que, ademais de aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo, contribúen a dar un paso máis “no turismo accesible”. Méndez lembrou que Lugo é neste aspecto un referente, como quedou demostrado coa súa participación a finais do pasado ano en Bruxelas na conmemoración do Día Europeo da Discapacidade.
Este proxecto é froito do “compromiso claro e decidido do Concello” coa mobilidade, que desenvolve “de maneira transversal” con actuacións de “recuperación de espazos públicos para uso público, espazos máis humanos, amables, de participación e convivencia”.
Méndez agradeceu tamén o “esforzo” dos colectivos que como Auxilia, COGAMI e ACADAR “traballan día a día na inclusión de todos os cidadáns e en favor da igualdade de oportunidades”.
As obras na beirarrúa da Ronda, executadas pola empresa Xestión Ambiental de Contratas, tiveron un orzamento de 46.800€, con cargo aos fondos da Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) do casco histórico destinados a melloras de espazos públicos. O Concello achegou o 70% do investimento (33.200€) e o Ministerio de Fomento, o 30% (13.600€).
Neste mesmo proxecto, o Concello incluíu a pavimentación con granito dunha pequena parte do Carril dos Fornos que estaba en terra, fronte a unhas vivendas, en concreto, a que se atopa fóra da delimitación das unidades de actuación UI-6 e UI-7, pois neste caso serán urbanizadas cando estas se desenvolvan.