As intervencións consistirán na repavimentación e a mellora da rede viaria nunha ducia de parroquias do concello

Medio Rural tramita, antes de que remate o ano, a rexeneración do firme nunha ducia de estradas do concello, por valor de 400.000€.
O concelleiro Miguel Fernández explicaba que “se trata de intervencións de mellora en vías que sofren un elevado grao de deterioro, debido á densidade de tránsito que rexistran e sobre as que resultaba imperativo actuar xa para garantir a seguridade dos residentes nos núcleos, nos seus desprazamentos pola contorna, ante as deficiencias que presentan”.
O edil referiu que, por unha banda, o seu departamento trasladou á Xunta de Goberno local desta semana a aprobación da apertura do proceso de contratación para a repavimentación da calzada que vai dende Vilanova a San Miguel, en Bóveda e Bacurín, cun custo de 91.923’72€; así como a Piugos, por valor de 86.079’40€.
“Tamén sairán a licitación os traballos na LU-P-2910 a Barbaín, cun orzamento base de 51.583’09€; na LU – 612 a Argonde, en San Xoan do Campo, por importe de 70.023’45€ e os da vía de Servizo da N-VI ao Cuco, na parroquia de Santo André de Castro, presupostada en 18.366’15€”, indicou Fernández.
O responsable de Medio Rural trasladou que, igualmente, foron adxudicadas as tarefas de pavimentación nas estradas de Pena da Mula a Pontegaos (31.579’99€), na L-546 ao límite do concello do Corgo (52.309’99€); na LU 612 ao Campo da Festa (16.919’43€) e na LU -234 dirección Concello de Outeiro de Rei (19.220’85€).
“En total, case unha ducia de actuacións, algunhas delas que se executarán de forma inminente e que, entre todas, suman un total de 418.785’22 euros. Unha partida importante que servirá para acometer obras moi necesarias e, sobre todo, moi demandadas pola veciñanza do rural e que, sumadas aos investimentos que, nesta mesma liña, vimos de facer noutros puntos do concello, contribuirán a incrementar as dotacións e a calidade dos servizos municipais”, concluíu Miguel Fernández.
Audio
- O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre a pavimentación no rural | Descargar mp3