Medio Rural destina 329.120 euros á mellora de vías en Tirimol, San Mamede, Calde, San Pedro de Mera, Poutomillos e Camoira

A Xunta de Goberno aprobou esta semana a contratación das actuacións que o Executivo de Lara Méndez desenvolve ao abeiro do Plan Único da Deputación.

“No que levamos de mandato investimos preto de 2’5 millóns de euros en mellorar as infraestruturas das parroquias co obxectivo de fixar poboación nos núcleos e incrementar a calidade de vida dos seus residentes”, afirmou Miguel Fernández.

Xoves, 15 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural destina 329.120 euros á mellora de vías en Tirimol, San Mamede, Calde, San Pedro de Mera, Poutomillos e Camoira

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a apertura dos procedementos de contratación da mellora de estradas en seis parroquias do rural. Actuacións que o Executivo de Lara Méndez desenvolve ao abeiro do Plan Único de Cooperación entre a Deputación Provincial e os Concellos.

O tenente de alcaldesa e edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sinalou que “as intervencións, que alcanzan no seu conxunto un investimento de 329.120 euros, beneficiarán directamente ao redor dun milleiro de veciños e veciñas que viven nas parroquias de Tirimol, San Mamede dos Anxos, Calde, San Pedro de Mera, Poutomillos e Camoira e que utilizan as vías municipais a diario para efectuar os seus desprazamentos”.

Fernández lembrou que “no que levamos de mandato, destinamos preto de 2’5 millóns de euros á acondicionar as infraestruturas e incrementar os servizos no rural, co obxectivo de asentar poboación, mellorar a seguridade viaria dunha trintena de estradas, ampliar as redes de abastecemento en varios núcleos, así como os puntos de luz, entre outras dotacións”.

Os traballos que se levarán a cabo son a mellora e rexeneración do firme nas seguintes vías:

  • Estrada municipal dende O Vilardón ao límite municipal co Concello de Outeiro de Rei. Parroquia de Tirimol, con 48.944 euros.
  • Estrada municipal de Conturiz a Cardoso. Parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos, con 93.241 euros.
  • Estrada municipal da N-540 á estrada de Bazar e da N-540 ao núcleo de O Corral de Abaixo. Parroquia de Calde, con 66.982 euros.
  • Estrada municipal da LU-P-2901 á Igrexa de San Pedro de Mera. Parroquia de San Pedro de Mera, con 19.058 euros.
  • Estrada municipal da LU-P-2901 á LU-P2901 en Poutomillos. Parroquia de Poutomillos, con 73.855 euros.
  • Estrada municipal da Igrexa de Camoira ao núcleo de Maira. Parroquia de Camoira, con 27.040 euros.

Estas obras engádense ás licitadas a semana pasada, tamén ao abeiro do Plan Único, na LU- P-2903 a Prógalo (38.179€), na Nacional 640 a Pedreda - na estrada de Meira - (84.106 €), e na LU-P-2903 ao Rego de Mera (62.689 €) - que suman un importe de 184.975 euros máis e ás que se programaron recentemente cos excedentes do devandito fondo provincial nos núcleos de Fafián e Corral de Abaixo (Pías), Seivane (Tirimol) e As Tabernas (Piugos), orzamentadas en 72.794 €.

Audio

  • O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre a contratación das obras do Plan Único | Descargar mp3

Noticias relacionadas