Medio Ambiente regulará mediante unha ordenanza a plantación de especies vexetais alérxenas nos espazos públicos e comunitarios

O edil Álvaro Santos pedirá mañá ao Pleno da Corporación o seu apoio a estainiciativacunha emenda na que tamén se insta a todos os organismos públicos a secundar a medida

 
Mércores, 28 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente regulará mediante unha ordenanza a plantación de especies vexetais alérxenas nos espazos públicos e comunitarios

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, trasladará mañá ao Pleno unha iniciativa para poder regular, a través dunha ordenanza, a plantación de especies vexetais alérxenas nos espazos públicos da cidade pero tamén noutras zonas comunitarias.

O concelleiro pedirá, así, que a Corporación amose o seu apoio a incorporar na normativa local diversas indicacións referidas tanto á semente como á reforestación das diferentes variedades arbóreas en función do impacto que estas poidan ter para a saúde da veciñanza con relación á súa carga alérxena.

“Cada vez maior porcentaxe da cidadanía é susceptible de sufrir este tipo de patoloxías causadas por elementos presentes no entorno, avaliándose que nas tres vindeiras décadas os cocientes se poden elevar ata practicamente a metade da poboación debido a, entre outros factores, un aumento preocupante dos niveis de contaminación ambiental e unha maior sensibilidade das persoas, sobre todo en territorios industrializados, derivada da propia tendencia evolutiva como especie e da proliferación de vertidos de substancias nocivas e contaminantes ao medio”, explicou o concelleiro.

Santos Ramos cre que as vías para atallar esta situación son varias, pero sinalou que “resultaría dunha gran simpleza vincular a minimización desta afectación exclusivamente a medidas relacionadas co control de especies vexetais dun territorio, xa que esta problemática debería abordarse nun plano moito máis amplo no que se actúe sobre a mellora da inmunidade, a capacidade de acceso a unha mellor alimentación ou mesmo sobre control e redución de emisións, etc.”

O responsable de Medio Ambiente destacou que as cidades necesitan de espazos verdes. “Resultan imprescindibles por diferentes razóns: melloran a calidade do aire, serven de reguladores térmicos, predispoñen á convivencia e contribúen a un maior benestar físico e emocional. Por iso, este equipo de goberno está a actuar na mellora dos xa existentes pero tamén na creación de novas áreas que sexan polivalentes e permitan un ocio multidisciplinar”.

“Forma parte da segunda gran transformación que está vivindo Lugo - continuou o edil - o Lugo que construímos á vangarda da sostibilidade en todo o país. Mais cremos que nese modelo, que xa comeza a ser unha realidade, é imprescindible a colaboración e implicación de todos os estamentos, por iso resultaría moi torpe imputar a responsabilidade das medidas a adoptar exclusivamente a unha única administración”, engadiu.

“A abordaxe deste asunto esixe da implicación do conxunto da sociedade xa que, aínda que actuemos dende o Concello e contribuamos a reducir en parte os efectos sobre a poboación afectada, é necesaria a mesma concorrencia por parte do resto de organismos públicos de maneira que dende o ente local instaremos ao resto de institucións a evitar tamén o uso de especies vexetais alérxenas nos espazos que son da súa titularidade”, concluíu Álvaro Santos.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a regulación das especies alérxenas | Descargar mp3

Noticias relacionadas