O alcalde salienta “o importante esforzo do servizo para que tanto a veciñanza como os visitantes gocen do San Froilán ao tempo que atopan unha cidade coidada e limpa”.
Uns 40 traballadores e traballadoras e 17 máquinas traballarán en quendas durante toda a xornada e desde as 06.00 da mañá para que rúas e prazas estean en perfecto estado.
Haberá operativos específicos para manter a limpeza das zonas reservadas a concertos, o centro histórico, o recinto feiral, as casetas do polbo e as costas do Parque Rosalía.
- Tema

O Goberno Local está a desenvolver un dispositivo especial de limpeza para as Festas de San Froilán, que xa comezou en xornadas pasadas con traballos previos, e que continuará co redobre de efectivos e maquinaria específica para garantir o óptimo estado da cidade durante a celebración das festas patronais. Así o explicou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, quen chamou a atención sobre “o importante esforzo do servizo de limpeza, con máis de 40 operarios e 17 máquinas para que tanto a veciñanza como as e os visitantes gocen do San Froilán ao tempo que atopan unha cidade coidada e limpa”.
Miguel Fernández chamou a atención sobre “o traballo que xa se vén desenvolvendo nas xornadas previas, cando Luce Lugo, a empresa concesionaria do servizo municipal de Limpeza, estivo realizando tarefas intensivas de roza, baldeo e fregado nas rúas e prazas da cidade, así como nos espacios nos que se instalarán as carpas e atraccións feirais”.
Ademais, a ditos traballos lle seguirán outras intervencións co obxectivo “de manter unha imaxe de cidade limpa e coidada, que é unha das sinais de identidade de Lugo a nivel nacional, para que ademais de celebrar as que son unhas festas tan emblemáticas e con tanta tradición da comunidade autónoma, Lugo amose a súa mellor cara”, sinalou o alcalde.
Reforzo de contedores e eliminación de graffitis
Desde hai uns días e como paso previo á posta en marcha deste amplo operativo, se procedeu á limpeza das reixas e sumidoiros das rúas; á substitución dos contedores de carga lateral por outros de carga traseira nas zonas que así o requiren para que se poida realizar a recollida de residuos; elimináronse as pintadas e graffitis das zonas de localización das casetas do polbo e a súa contorna e procedeuse á instalación de contedores de vidro con sistema de volteo, para facilitar a recuperación da maior cantidade de vidro xerado nas casetas.
Dispositivo para os días de maior afluencia
Todos os servizos de limpeza viaria serán reforzados durante a celebración das festas e de maneira especial os días 5, 6, 12 e 13, que son os de maior afluencia. Para ofrecer unha óptima cobertura, contarase entre máis maquinaria, de ata 17 vehículos, como tres varredoras de calzadas; tres varredoras de beirarrúas eléctricas; tres camións cisterna de rega e baldeo mixto; tres camións tipo satélite para a recollida de residuos xerados na limpeza dos lugares de celebración de actos e para dar cobertura ás zonas de botellón e dúas hidrolimpadoras eléctricas.
Tamén durante as celebracións, haberá máis de 40 persoas traballando en tarefas de limpeza, 12 delas nas vías principais; un equipo de furgón eléctrico con dúas operarias equipadas con sopladoras eléctricas para actuar no centro e na zona de concertos da Mosqueira e as prazas de Campo Castelo, Praza Maior, Santa María e Horta do Seminario. Tamén se encargarán dos espacios reservados a espectáculos na praza da Milagrosa e na carpa do Seminario, onde se celebrará o San Froilán Miúdo.
Outro equipo de furgón eléctrico con tres operarios con sopladores eléctricos reforzarán a recollida e limpeza das zonas de botellón próximas ao recinto feiral, á zona do feiral, a reservada ás pulpeiras e ás costas do parque onde se sitúan as barracas. Tamén haberá un equipo de cinco operarios para o reforzo do varrido manual naquelas zonas de máxima actividade e movemento de persoas. Para os seus desprazamentos poderán utilizar triciclos e vehículos eléctricos.
Equipos eléctricos para reducir a contaminación ambiental
Para levar a cabo as tarefas de limpeza viaria, os traballadores e traballadoras do servizo disporán de equipos eléctricos tales como, rozadoras de man e sopladoras. Ademais, para facilitar e axilizar desprazamentos polos espacios de traballo e entre as mesmas, empregaranse triciclos eléctricos, nos que irán recollendo os residuos das zonas nas que se celebran as festas e actos asociados ao San Froilán, para logo depositalos nos contedores da cidade.
Co uso destes equipos eléctricos redúcense os niveis de ruído entre os cidadáns e visitantes, o que se converte nunha mellora importante a nivel de contaminación ambiental. Ademais, estes vehículos especiais, ao non emitir ruídos, se empreñan en actividades como o desfile de gando, para evitar alterar aos animais e con elo xerar algunha incidencia entre os asistentes.
Igualmente, o persoal utilizará os triciclos eléctricos e vehículos auxiliares eléctricos para limpar os percorridos que realizarán os pasarrúas e outras actuacións polos distintos barrios da cidade, como Sagrado Corazón, As Gándaras, A Ponte e Avenida da Coruña, entre outros.
Traballos de limpeza desde as 06.00 da mañá
No operativo deseñado para manter en bo estado a cidade, empregarase un camión recolector de carga traseira con condutor e peón, que comezará a súa xornada ás 06:00 da mañá na zona centro e de concertos, para dar cobertura tanto a estes espazos como aos establecementos de hostalería.
Os equipos realizarán os seus traballos na quenda de mañá, mentres que para a de tarde, ademais do servizo ordinario de repaso da zona centro, haberá dúas operarias nos seus triciclos eléctricos, para desprazarse polo centro histórico e pola zona do feiral, realizando tarefas de reforzo de limpeza viaria e, sobre todo, baleirado permanente de papeleiras.
A recollida de residuos na zona centro reforzarase deixando de maneira permanente, desde o día 4 ao 13, os contedores de “quita e pon”, os cales tamén se incrementarán en número. Así mesmo, reforzarase o número de contedores de vidro nas zonas en que se prevén incremento de xeración deste tipo de residuos, como no recinto feiral e nas zonas de concertos.




