Medio Ambiente limpa de maleza 1’2 km nas principais rúas da contorna do Hula

Para desenvolver os traballos, que se prolongarán durante toda a semana, será preciso impoñer restricións puntuais de estacionamento que serán debidamente sinalizadas

Martes, 04 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente limpa de maleza 1’2 km nas principais rúas da contorna do Hula

O goberno de Lara Méndez procederá, esta semana, a rozar as inmediacións do Hospital Universitario Lucus Augusti para acondicionar a contorna das instalacións sanitarias.

Os servizos municipais levarán a cabo, durante os vindeiros días a retirada da maleza existente nas rúas San Cibrao, fronte ao acceso a Urxencias, e Ulises Romero, na entrada principal do Hula. En total, máis de 1’2 km de vías sobre os que esta mañá xa se procedía a intervir de forma manual.

“O dispositivo – indicou Álvaro Santos – precisará de varias xornadas no emprazamento debido á extensión do terreo sobre o que se vai actuar e tamén a densidade que alcanzou a vexetación nestas contornas. Námbolos dous casos empregaranse diversos medios mecánicos e humanos para desenvolver as tarefas entre os que se inclúen un tractor con maquinista, unha cisterna para realizar baldeo mixto así como tres peóns equipados con desbrozadora de man, e varios operarios que se encargarán da limpeza viaria ademais de contar cun satélite para recoller os restos de plásticos e lixo que se atopen nas gabias”.

O concelleiro responsable de Medio Ambiente solicitou a colaboración da cidadanía ao tempo que agradeceu a súa comprensión coas limitacións de estacionamento que se manterán durante toda a semana na zona xa que “para proceder aos labores será preciso suprimir, de forma momentánea, algunha das prazas de aparcamento que dan servizo aos usuarios do complexo hospitalario”.

As restricións serán debidamente sinalizadas coa antelación suficiente co fin de advertir aos condutores das mesmas antes do inicio dos traballos “durante os que, á súa vez – referiu o edil – a Policía Local intensificará a vixilancia nestas vías para garantir a fluidez da circulación”, concluíu Santos Ramos.

Audio

  • O concelleiro responsable de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre os traballos de roza, na contorna do HULA | Descargar mp3

Multimedia

  • Medio Ambiente limpa de maleza 1’2 km nas principais rúas da contorna do Hula
  • Medio Ambiente limpa de maleza 1’2 km nas principais rúas da contorna do Hula

Noticias relacionadas