Medio Ambiente leva tramitados 440 expedientes para instar aos propietarios de parcelas urbanas e rurais a mantelas limpas

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, deu conta de que 146 soares particulares xa foron debidamente acondicionados.

De non atender aos requirimentos, o Concello actúa de xeito subsidiario, previa imposición de multas coercitivas que oscilan entre os 1.000 € e os 10.000 euros.

Os barrios nos que se concentran o maior número de predios en mal estado son San Fiz, O Carme, A Piringalla, Fontiñas ou na Abella e na zona rural.

De xeito parello, Medio Ambiente executa a roza da maleza nos terreos municipais co fin de que a cidade estea en condicións óptimas de hixiene e salubridade.

Luns, 04 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente leva tramitados 440 expedientes para instar aos propietarios de parcelas urbanas e rurais a mantelas limpas

O Goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, leva iniciados 440 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, tanto urbanos como rurais, para instar aos seus propietarios a mantelos limpos.

Do conxunto das ordes de execución emitidas, 82 delas afectan a parcelas rurais e as demais se corresponden coa zona urbana, sendo as máis numerosas as que se notificaron en San Fiz (43), O Carme (27), Piringalla (23), Fontiñas (17), ou na Abella (16).

De todos eles, 146 soares xa foron debidamente acondicionados e no caso dos restantes atópanse nalgunha das fases da tramitación (notificación, comprobación, alegacións, etc) - segundo informou o concelleiro - que explicou que o procedemento se inicia coa comunicación á ou ao titular dos terreos en desleixo e continúa co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, “ben para que formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas para o que disporán doutros 15 días”, engadiu.

“Ese escrito inicial está sendo, en moitos casos, estímulo suficiente para que os donos actúen pero, cando non é así, o Concello está procedendo tamén á execución forzosa de forma subsidiaria previa imposición de multas coercitivas que poden ir dende os 1.000 € até os 10.000 euros”, indicou Miguel Fernández.

O edil de Medio Ambiente puxo de manifesto igualmente que, de xeito parello, esta área está a facer o propio nas parcelas e vías municipais para eliminar a vexetación. Un cometido que se executa nun total de 50 soares distribuídos pola capital.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre os expedientes de maleza | Descargar mp3

Noticias relacionadas