Medio Ambiente implementará un servizo de recollida de roupa usada para reciclar mediante a colocación de 75 novos contedores na cidade

Lara Méndez e Miguel Fernández supervisaron a instalación dun dos novos puntos nos que a cidadanía poderá deixar prendas e calzado contribuíndo a darlles unha nova vida.

“A iniciativa busca mellorar contorna ambiental e social, mediante a reutilizacion de pezas usables ou a través da súa transformación”, explicou a rexedora.

Cada persoa se desprende, aproximadamente, de entre 7 e 10 quilos de roupa ao ano, unhas 833 toneladas só no concello de Lugo.

Un 64,1% dos residuos deste tipo destínanse a reutilización; un 15,8% ao reciclado para trapos de limpeza industrial; e o 9,8% restante ao seu aproveitamento enerxético.

Xoves, 16 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente implementará un servizo de recollida de roupa usada para reciclar mediante a colocación de 75 novos contedores na cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, anunciou este xoves a posta en marcha dun novo servizo de recollida de roupa usada mediante a colocación de 75 novos contedores destinados a este fin no municipio. “A través desta iniciativa queremos fomentar a reciclaxe de roupa e calzado, facilitando puntos nos que as e os cidadáns poderán desprenderse de prendas que xa non empregan dunha maneixa sinxela, cómoda e accesible as 24 horas do día, os 365 días do ano”.

A rexedora e o concelleiro supervisaron in situ a instalación dun dos 75 contedores que se colocarán en todos os barrios da cidade, a partir de hoxe, e que cumpren coa normativa europea aplicable, tanto en deseño como en construción. “A través da reciclaxe deste tipo de residuos tamén axudamos a mellorar a contorna ambiental e social, diminuíndo o consumo de recursos naturais mediante a reutilización de parte das pezas usables recuperadas ou a través da súa transformación en novos materiais”.

Neste senso, Lara Méndez apelou á colaboración cidadá e subliñou que “do mesmo xeito que estamos a fomentar a reciclaxe de vidro, papel ou cartón, debemos incentivar a reciclaxe de vestimenta e calzado, tendo en conta que cada persoa se desprende, aproximadamente, de entre 7 e 10 quilos de roupa ao ano, unhas 833 toneladas só no concello de Lugo”. “Así, é fundamental incidir na educación ambiental dos cidadáns, axundando a poñer en práctica a clasificación de residuos”, engadiu a alcaldesa.

Pola súa parte, Miguel Fernández indicou que “a posta en marcha deste tipo de servizo implicará, así mesmo un aforro nos custos municipais de recollida e eliminación de residuos urbanos; unha mellora da contorna e unha diminución do impacto ambiental ao reducir a cantidade de quilogramos de lixos que van destinados ás entulleiras”.

Aproveitamento dos residuos

A xestión ambiental dos residuos obedece ao seguinte patrón de aproveitamento medio:

  • Reutilización: todas aquelas pezas e complementos que pola súa condición atópense en bo estado de uso destinaranse á venda en mercados almacenistas exteriores para a súa comercialización como roupa usada ou de segunda man, supoñen un 64,1% aprox.
  • Reciclado: Todas aquelas pezas que se atopen rotas, descosidas ou moi usadas tal que non permita a súa reutilización, pero que por contra teña unha composición en algodón tal que manteña o seu poder de absorción, destinarase ao partido para trapos de limpeza industrial, supoñen un 15,8 % aprox.
  •  Valorización Enerxética: Tras os procesos anteriores, todo o rexeitamento que non teña utilidade pola súa condición, será xestionado por xestor autorizado para o seu aproveitamento enerxético, o que supón un 9,8% aprox.

LuceLugo, o novo servizo de limpeza e recollida de lixo

A instalación destes contedores enmárcase nas actuacións postas en marcha co novo servizo de limpeza e recollida de lixo da cidade, LuceLugo. Neste senso, a rexedora avanzou que “a día de hoxe, xa levamos a cabo tamén a renovación de, aproximadamente o 50% dos colectores da cidade, e seguimos a incorporar novos para chegar ata un total de 4.031 unidades”. O obxectivo do Concello é homoxeneizar a súa imaxe, minorando o impacto visual, mellorar a seguridade e accesibilidade dos usuarios e aumentar a capacidade de recollida para evitar que se produzan situacións de desborde. Así, aumentarase a capacidade nun 100 % na fracción orgánica, que se implantará este ano, un 78% os envases, un 42,3% a fracción resto e un 28,6% o papel cartón.

Por outra banda, tamén se finalizou xa a colocación de colectores de aceite doméstico nas rúas da cidade, en total, se colocaron medio centenar de recipientes na zona urbana de 240 litros de capacidade, unha iniciativa pioneira en Galicia.

Multimedia

  • Medio Ambiente implementará un servizo de recollida de roupa usada para reciclar mediante a colocación de 75 novos contedores na cidade

Noticias relacionadas