Medio Ambiente e “Michos” traballarán xuntos para xestionar as colonias de gatos rueiros da cidade

O acordo, validado xa en Xunta de Goberno, recolle a entrega á entidade dunha aportación económica anual de 15.000 euros.

Luns, 28 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente e “Michos” traballarán xuntos para xestionar as colonias de gatos rueiros da cidade

A área de Medio Ambiente do Concello de Lugo e a Asociación Protectora de Gatos da Rúa “Michos” traballarán xuntos na xestión das colonias destes animais que existen na cidade.

A Xunta de Goberno celebrada o pasado 23 de decembro validou a realización dun convenio a través do cal, a administración local entregará á entidade unha achega económica anual de 15.000 euros.

“A través desta colaboración, pretendemos avanzar na integración harmónica destes animais na contorna urbana co fin de impedir a súa proliferación descontrolada, fomentando, deste xeito, a salubridade dos barrios e, por descontado, o benestar dos exemplares que debe ser compatible tamén co da veciñanza que reside neles”, apuntou Álvaro Santos.

O edil explicou que a cooperación se instrumentará a través da concesión dunha subvención directa e excepcional “por ser esta a única entidade no termo municipal que desenvolve a actividade de recollida dos gatos sen fogar que habitan na vía pública” e indicou que, mediante o mesmo, a organización se compromete a exercer o control sanitario dos integrantes das colonias. “O que inclúe a súa captura, esterilización e a aplicación dos tratamentos sanitarios oportunos ata proceder ao seu retorno, en condicións óptimas, ao espazo do que proceden”.

“O obxectivo é acadar a diminución do número de integrantes dos grupos, á vez que se supervisan sanitariamente para evitar situacións de insalubridade”, abondou o concelleiro.

Santos Ramos avanzou tamén que, ao abeiro deste acordo, Medio Ambiente pretende abordar a creación dun rexistro de persoas voluntarias alimentadoras e outro de colonias felinas, “co fin de facilitar alimentos, material de habitabilidade – como casetas, areeiros e outros elementos – a quen figure inscrito para garantir que dispón dos medios necesarios para desenvolver este labor”.

O responsable de área asegurou que se agarda, igualmente, poder levar a cabo iniciativas de divulgación sobre esta actividade así como poñer en marcha campañas de concienciación e sensibilización entre a cidadanía, “fundamentais para pular pola tolerancia e por unha convivencia sá e respectuosa co medio ambiente”.

Audio

  • Álvaro Santos, sobre os gatos rueiros da cidade | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas