Medio Ambiente atenderá, dende outubro, as avarías de auga de forma inmediata os 365 días do ano

A área que dirixe Álvaro Santos trasladaba esta semana á Xunta de Goberno Local a adxudicación do contrato que garantirá o arranxo inmediato das incidencias que se detecten nas canalizacións de distribución de auga potable.

A oferta presentada por FCC Aqualia foi a máis vantaxosa das catro empresas que concorreron á convocatoria pública.

O Concello está a culminar tamén outro procedemento para atallar, de forma instantánea, as deficiencias que se poidan producir no saneamento da capital.

Xoves, 27 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente atenderá, dende outubro, as avarías de auga de forma inmediata os 365 días do ano

A área de Medio Ambiente atenderá, dende outubro, as avarías de auga que se detecten na rede de abastecemento municipal de forma inmediata durante os 365 días do ano.

O executivo de Lara Méndez implantará, no prazo aproximado dun mes – tempo preciso para rematar o procedemento administrativo que conleva - este servizo, logo de que a Xunta de Goberno desta semana outorgase a adxudicación para executar tanto o arranxo de fugas fóra do horario da Brigada de Augas como todo tipo de traballos en apoio á mesma.

“O obxectivo é garantir de forma permanente e continuada unha prestación fundamental para a cidadanía, ante a imposibilidade de que o persoal municipal poida reparar tódalas incidencias que afecten aos elementos da rede de distribución de auga potable, ben sexa por unha cuestión de dispoñibilidade horaria dos operarios, ben pola falta dos medios que esixa, en concreto, cada actuación que se realice”, explicou Álvaro Santos.

O concelleiro sinalou que a oferta presentada por FCC Aqualia foi a máis vantaxosa das catro empresas que concorreron á convocatoria pública ao establecer unha maior porcentaxe de desconto sobre o cadro de prezos sinalado pola Administración local que estableceu, ao efecto, un orzamento de 121.000 euros por exercicio.

“A nosa pretensión – sostivo Santos Ramos – é poder atender con inmediatez, e sen ter que recorrer a contratos de emerxencia para solventalo, calquera problemática que se detecte nas canalizacións da cidade, independentemente do momento no que se produza, de maneira que a subministración non se vexa interrompida máis que o tempo necesario para proceder ao seu amaño”.

“A súa entrada en vigor permitiranos ademais non ter que recorrer a procedementos de urxencia para situacións que se contemplan como ordinarias ao tempo que eliminamos outro hándicap que condicionaba a axilidade de resposta municipal: a presenza de tubaxes de fibrocemento en determinados puntos da capital. Esta circunstancia chegou a impedir, nalgunhas ocasións, que a empresa que podía facerse cargo da obra desa maneira repentina, a levase a cabo xa que non todas contan cos equipamentos necesarios para manipular esta substancia de forma segura”, engadiu o edil.

“Algo similar – lembrou o responsable de Medio Ambiente – sucede coas deficiencias que poidan acaecer no saneamento da cidade e que, ante a ausencia dunha brigada municipal específica que as asuma, se atallarán con outra adxudicación que tamén está a punto de concluír”,  avanzou o concelleiro de Medio Ambiente.

Audio

 

Noticias relacionadas