O concelleiro Álvaro Santos sinala que, entre outras actuacións, se garantirá a limpeza e desinfección diaria destes espazos e se instalarán dispensadores de solución hidroalcohólica e carteis indicadores do aforo máximo permitido
- Tema

Dende a área de Medio Ambiente infórmase que, debido á próxima apertura das áreas de xogo infantís municipais polo relaxamento das medidas do Estado de Alarma, durante as vindeiras xornadas se procederá á instalación de dispensadores de solución hidroalcohólica en todos estes espazos recreativos, así como á colocación de carteis indicadores das limitacións de aforo nos recintos, co obxectivo de cumprir as recomendacións sanitarias estatais.
Ademais se garantirá a desinfección e limpeza diaria das instalacións e do mobiliario urbano que conteñen, “xa que as tarefas de conservación e mantemento se desenvolveron de maneira continuada durante todo o confinamento polo que non se prevé ningunha necesidade específica de posta a punto nos mesmos”, indicou o edil Álvaro Santos.
Igualmente, o concelleiro responsable solicita a comprensión da cidadanía se estas tarefas se estenden máis aló do fin de semana, “debido ao elevado número de parques que hai no concello, á dispoñibilidade que poida haber no mercado de existencias suficientes destes produtos e ao escaso marxe de manobra que se deixou ás administracións locais para poder levar a cabo estas actuacións e axustarse, en apenas dous días, ás disposicións recollidas hoxe, sábado, no DOG; polo que pedimos que mentres duren os labores de adaptación, as e os usuarios extremen as precaucións cando fagan uso destes espazos e respecten o distanciamento social establecido”.
“Aínda así, dende a área de Medio Ambiente, trataremos de que a totalidade das dotacións municipais estean listas canto antes para o uso e desfrute da veciñanza, especialmente dos nenos e nenas lucenses que tan ben se levan comportado durante toda esta pandemia”, concluíu Álvaro Santos.
Audio
- O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a apertura dos Parques Infantís | Descargar mp3