Medio Ambiente abre o cuarto canil da cidade na rúa Serra de Ancares, dotado cun novidoso circuito de ximnasia para mascotas

O recinto, de 780 m², integrouse no xardín existente convertíndoo nun dos espacios verdes máis versátiles da capital

A alcaldesa explica que “o obxectivo da actuación, enmarcada dentro do Plan de Barrios, era acondicionar por completo o parque e facelo atractivo, accesible e confortable para todo tipo de usuarios”

Venres, 13 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente abre o cuarto canil da cidade na rúa Serra de Ancares, dotado cun novidoso circuito de ximnasia para mascotas

A cidade de Lugo conta dende hoxe cun novo espazo de esparexemento para mascotas, entre as rúas Serra de Ancares e Río Eo.

A alcaldesa, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos procedían esta mañá á apertura das instalacións nas que a administración local investiu preto de 50.000 euros, dentro das actuacións previstas no Plan de Barrios.

O recinto, de 780 m², dispón de dúas entradas, unha para cans grandes e outra para os pequenos e conta, ademais de con arboredo, setos e arbustos ornamentais, pensados para dar sombra e aportar cofortabilidade, con mobiliario urbano como bancos, papeleiras, fontes dobres, dispensadores de bolsas - guante e colectores de excrementos caninos.

“O obxectivo era acondicionar por completo esta nova zona verde e facela atractiva, non só para os seus principais destinatarios, os animais, senón tamén para as persoas que os acompañan de maneira que os coidados e a atención que lles dispensan a poidan levar a cabo nun lugar que resulte agradable para ambos e de forma respectuosa co resto da veciñanza”, sinalou Lara Méndez.

A rexedora explicou tamén que, dado o carácter sostible que se lle quixo dar á intervención, tívose especial coidado en estudar as condicións ecolóxicas e de situación do emprazamento, “polo que se tiveron en conta factores como a orientación do predio, as temperaturas mínimas da estación, a insolación, ventos, exposición, etc… á hora de elixir as especies a plantar e os materiais máis axeitados para o mobiliario que se instalou co obxectivo de minimizar os custos de mantemento”.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente referiu que, tralo modelado e movemento de terras, o parque canino quedou completamente integrado no xardín que xa existía ao carón do Centro de Cualificación e Valoración de Discapacidades, así como na circulación do barrio no que se integra.

“Para ter en conta as necesidades dos distintos usuarios que vai ter, o canil propiamente dito atópase delimitado por un valo de seguridade o que permitirá a solta dos animais no seu interior, de xeito seguro e controlado. Ademais preveuse a separación dos mesmos, segundo o seu peso, en dous recintos diferentes e cada un deles está dotado cun circuito de Agility en madeira que inclúe pezas como un slalom de 6 paus, elementos de corda para o exercicio de salto, túneles, unha barreira de estrutura triangular e mesmo un balancín”, abondou Álvaro Santos.

“Cremos que este é un dos espazos de ocio máis versátiles da capital, que posibilita e favorece a convivencia con animais, nun entorno amable polo que convidamos a toda a cidadanía, especialmente a que ten mascotas como compañeiras, a estrealo, desfrutalo e coidar del”, concluíu o edil de Medio Ambiente.

Audio

  • A alcaldesa, Lara Méndez, sobre o novo canil en Serra de Ancares | Descargar mp3
  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o novo canil en Serra de Ancares | Descargar mp3

Multimedia

  • Medio Ambiente abre o cuarto canil da cidade na rúa Serra de Ancares, dotado cun novidoso circuito de ximnasia para mascotas
  • Medio Ambiente abre o cuarto canil da cidade na rúa Serra de Ancares, dotado cun novidoso circuito de ximnasia para mascotas

Noticias relacionadas