Máis de 150 locais adheríronse este ano á campaña ‘Ecohostaleiros’ promovida por Ecoembes e a Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo

Preto de 35.000 establecementos HORECA en España forman parte xa deste proxecto que busca fomentar a reciclaxe dos envases que se xeren nas súas instalacións.

Os ‘Ecohostaleiros’ teñen á súa disposición formación e recursos, a través dunha plataforma online, sobre actualidade lexislativa no sector e temas como slow food, servizo de entrega a domicilio, seguridade e calidade alimentaria ou ‘trash cooking’.

"Esta campaña é unha oportunidade para que os nosos establecementos hostaleiros se adapten á nova normativa e melloren a súa xestión de residuos, o que redundará nunha cidade máis limpa e sostible ", destacou o concelleiro, Miguel Fernández.

Venres, 16 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 150 locais adheríronse este ano á campaña ‘Ecohostaleiros’ promovida por Ecoembes e a Área de Transición Ecolóxica do Concello de LugoFoto Campaña Ecoembes

Máis de 150 establecementos hostaleiros en Lugo adheríronse á campaña 'Ecohostaleiros' no último ano, amosando así o seu compromiso coa reciclaxe e a sostibilidade. Esta iniciativa, promovida pola Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo e Ecoembes, axuda aos negocios lucenses a cumprir coas novas obrigas derivadas do Real Decreto 1055/2022 de Envases e Residuos de Envase, que establece unha Responsabilidade Ampliada do Produtor (RAP).

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández destaca a importancia de que os establecementos leven a cabo tamén a selección de residuos e participen nestas campañas que incentivan a reciclaxe. "É fundamental que todos os sectores da nosa sociedade se involucren na protección do medio ambiente. A hostalaría de Lugo está a dar un exemplo magnífico ao unirse a esta iniciativa, demostrando que a actividade económica pode ser sustentable", sinalou. Fernández tamén engade que “esta campaña é unha oportunidade para que os nosos establecementos hostaleiros se adapten ás novas normativas e melloren a súa xestión de residuos, o que redundará nunha cidade máis limpa e sostible para todos e todas".

O coidado do medio ambiente a través da reciclaxe é un hábito que gañou peso nos últimos anos na sociedade española. Ademais dos contedores amarelos e azuis que hai nas rúas de todo o país, cada vez é máis frecuente atopar outros colectores selectivos que permiten abondar nesta práctica. Un exemplo diso son os hoteis, restaurantes e cafeterías, un sector que está a demostrar o seu compromiso coa sostibilidade sumándose a iniciativas como 'Ecohostaleiros'.

Así, 34.603 establecementos HORECA en España forman parte xa deste proxecto de Ecoembes que busca fomentar a reciclaxe dos envases que se xeren nas súas instalacións. Para iso, desde que a iniciativa se puxo en marcha en 2016, a organización ambiental, en colaboración con FACYRE (Federación de Asociacións de Cociñeiros e Reposteiros de España), entregou xa a estes locais un total de 25.147 papeleiras e cubos amarelos e azuis para que poidan reciclar correctamente os envases de plástico, metal, briks (contedor amarelo) e papel e cartón (contedor azul) que xeran.

Ademais, co propósito de fomentar entre o sector as prácticas medioambientais, os establecementos recoñecidos como ‘Ecohostaleiros’ teñen á súa disposición formación e recursos, a través dunha plataforma online, sobre actualidade lexislativa no sector e temas como slow food, servizo de entrega a domicilio, seguridade e calidade alimentaria ou ‘trash cooking’. Así mesmo, reciben unha newsletter mensual coas principais novidades na materia e poden acceder a artigos e novas sobre reciclaxe, eventos ou tendencias.

Unha tendencia á alza entre a veciñanza

Os bos datos de reciclaxe en Lugo consolídanse grazas ao incremento da concienciación medioambiental da cidadanía. No que vai de ano, rexistrouse un aumento significativo na recollida selectiva de envases lixeiros e de papel e cartón, reflectindo o compromiso dos lucenses co coidado da súa contorna. Nos primeiros cinco meses recolléronse 2.500 toneladas de envases lixeiros e 1.800 toneladas de papel e cartón, o que supón un incremento do 15% respecto ao ano anterior. "A colaboración cidadá é clave para alcanzar estes resultados positivos, reflexo do esforzo colectivo", concluíu Miguel Fernández.

Noticias relacionadas