Lugo xa conta cos primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida

O Concello instalou catro colectores en distintos puntos da cidade, atendendo ás necesidades existentes que lle trasladou a asociación AUXILIA ao Gabinete Municipal de Accesibilidade

Martes, 03 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo xa conta cos primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida

Lugo xa conta cos primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos da cidade. Así o anunciou este martes o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen supervisou a súa instalación no barrio de Fontiñas acompañado do presidente da asociación AUXILIA, Aquilino González. En total colocáronse 4 colectores, uns con sistema de oco e outros con sistema de palanca, distribuídos en función das necesidades existentes que lle foron trasladadas ao Gabinete Municipal de Accesibilidade polo colectivo AUXILIA. Deste xeito, a entidade local instalou estes colectores na rúa Leiras Pulpeiro, a carón da Casa Domótica, na rúa Alfredo Brañas, ao lado do centro de ASPACE, na rúa Vázquez Seijas e en Fontiñas, á altura do número 95. Queda pendente a instalación doutro colector, tal e como acordara o Gabinete de Accesibilidade do pasado mes de marzo. O mobiliario instalado, de 3.200 quilos de capacidade, dispón ademais de identificación en linguaxe braile.

Tal e como deu a coñecer Piñeiro, quen anunciou que se instalarán máis colectores deste tipo na medida do posible, esta iniciativa enmárcase dentro da aposta do Concello por continuar reducindo as barreiras arquitectónicas que existen na cidade e favorecer a accesilidade universal. Neste caso trátase de minimizar os problemas que as persoas con mobilidade reducida poidan ter á hora de depositar o lixo nos colectores.

O Concello ten aprobada a Ordenanza Municipal de Supresión de Barreiras Arquitectónicas e coa que se puxo en marcha un Gabinete Municipal de Accesibilidade, que nos últimos anos permitiu actuar con eficacia para eliminar as barreiras arquitectónicas e adaptar a cidade a todos aquelas persoas que viven ou visitan o municipio, iniciativas que permitiron que Lugo acadara os premios Reina Sofía de Accesibilidade Universal ou ao mellor destino turístico accesible. 

Noticias relacionadas