Lugo tínguese das cores do arco da vella coa semana do Orgullo LGTBIQA+, que organizan Concello e Deputación

Trátase dunha ampla programación de actividades totalmente gratuítas que se desenvolverán entre os días 25 e 30 de xuño, na cidade de Lugo e no Museo do Mar

Conferencias, contacontos, mesas redondas, mercado solidario ou bailes son só algunhas das actividades que compoñen a programación da Semana do Orgullo LGTBIQA+

Venres, 22 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo tínguese das cores do arco da vella coa semana do Orgullo LGTBIQA+, que organizan Concello e Deputación

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Igualdade, Sonsoles López, xunto co Presidente de ALAS, Marcos Fernández Trigo, presentaron a programación de actividades da Semana do Orgullo LGTBIQA+, que promoven ambas institucións en colaboración con este colectivo. Na organización dos actos colabora tamén a asociación ARELAS. Os actos, que se desenvolverán en distintos escenarios da cidade e da provincia de Lugo, terán lugar entre o 25 e o 30 de xuño, baixo o lema “Visibilicémonos, movémonos, empoderámonos. Polo dereito a ser diversxs”.

No acto, Ana Abelleira amosou a colaboración do Concello con esta iniciativa e con todo tipo de actividades que persigan a diversidade e a inclusión “posto que dende o Goberno traballamos por unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Así mesmo quixo convidar a toda a cidadanía a participar nesta cita, que reivindica os dereitos do colectivo LGTBIQA+.

Pola súa banda, Sonsoles López destacou que “este tipo de eventos serven para educar aos cidadáns na sexualidade e favorecer o respecto ás diferentes identidades e orientacións sexuais”. Neste senso, remarcou a “necesidade de visibilizar ao colectivo LGTBIQA+ e de normalizar a existencia de tantos sexos como persoas existen no mundo. A identidade sexual non se restrinxe ao sexo co que nacemos e co que a sociedade nos etiqueta como homes ou como mulleres. Somos o que queremos ser e esa decisión tócalle tomala a cada persoa”.

A Deputada de Igualdade lembrou que o compromiso do Goberno da Deputación co colectivo LGTBIQA+ mantense ao longo de todo o ano, xa que, desde os 4 museos da Rede Museística, organízanse exposicións, obradoiros e actividades que promoven e defenden a igualdade, como o proxecto Nós+outrxs en rede.

Ademais dos actos programados para toda a semana, dende o 25 de xuño ata o 1 de xullo, o Museo Provincial de Lugo levará a cabo un alumeado dos xardíns do Museo coas cores da bandeira LGTBIQA+. Por outra banda, a Praza Maior, a Praza da Soidade, e a Praza de San Marcos estarán engalanadas con grilandas tamén coas cores da bandeira multicolor.

Programación

O Executivo Local e Provincial ofrecen distintas actividades, totalmente gratuítas e para todos os públicos. A programación é a seguinte:O luns 25 de xuño ás 12:30 horas, terá lugar o izado da bandeira LGTBIQA+ e lectura do manifesto diante da Casa do Concello. Ás 13:00 horas, na Deputación Provincial  presentarase no edificio de San Marcos a programación de actos para toda a semana ‘Orgullo LGTBIQA+, Lugo Diversx’.

  • O martes 26 de xuño ás 19:30 na Deputación de Lugo, terá lugar a presentación do libro 22 segundos, de Eva Mejuto. A continuación, haberá unha mesa redonda na que participarán a presidenta de ARELAS, Cristina Palacios, e Pablo San José, o primeiro menor trans en lograr o cambio legal de nome e sexo en Galicia
  • O mércores 27 de xuño ás 18:30 horas, a escritora luguesa María Reimóndez estará na Praza da Soidade para amenizar un espazo de ‘Contacontos diversxs’. Das 19:00 horas ás 21:00 horas, nos xardíns do Museo Provincial celebrarase un obradoiro sobre diversidade sexual e photocall dirixido a familias e organizados pola Rede Museística da Provincia de Lugo. Neste obradoiro, no que intervirán a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, e o director dos Museos Berazategui de Bos Aires, Leonardo Casado, traballarase, sobre todo, o concepto de identidade
  • O xoves 28 de xuño ás 19:00 horas, o membro da Selección Nacional de Waterpolo Víctor Gutiérrez participará nun faladoiro titulado ‘Deporte profesional sen armarios. Dificultades e consecuencias’. Será na Sala do Vello Cárcere. Ás 20:30 horas,  o bailarín e coreógrafo lugués Juan Carlos Zahera será o encargado de ler o pregón no patio do Vello Cárcere. Ás 21:00 horas, sairá do patio do Vello Cárcere a manifestación do Orgullo HOLI-COLOR pola diversidade. Continuará o percorrido por Campo Castelo, rúa San Pedro, rúa Doutor Castro, Praza de Armañán, rúa Nova, rúa Bispo Basulto, Praza de Santa María, e remata no Templete da Praza Maior, onde se lanzarán os polvos coas cores da bandeira LGTBI. Para participar, recoméndase levar roupa cómoda e unha camiseta branca
  • O venres 29 de xuño, no fondo da Praza Maior, baixo o lema Baile pola diversidade con orgullo, haberá unha exhibición e Masterclass de baile da man da Academia Star Dance, ás 20:30 horas. Se chovese, o espectáculo trasladaríase ao Mercado Municipal
  • O sábado 30 de xuño, desde as 17:00 horas haberá na Praza da Soidade un mercadiño solidario de entidades LGTBIQA+ e colectivos feministas. Os actos conmemorativos clausuraranse, tamén na Praza da Soidade, co concerto Son, sinto, vivo¡¡, que comezará ás 20:00 horas e estará presentado pola Señora Paca, que tamén interpretará unha peza. A noite musical continuará coas actuacións do grupo ourensano de Soul e Jazz Canela Cafuné, o grupo Las Supremas de Lugo, e Tanxugueiras

 

Noticias relacionadas