Paula Alvarellos recolleu este distintivo nun acto celebrado en Caión no que participaron representantes dos concellos premiados na cuarta edición do certame.
Para a alcaldesa “este recoñecemento apuntala o traballo que estamos a facer desde o Goberno local sendo pioneiros na implantación de políticas medioambientais ambiciosas”.
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recolleu este venres en Caión a Bandeira Verde de Galicia, distintivo que a Consellería de Medio Ambiente outorgou ao Concello de Lugo polas súas boas prácticas en materia medioambiental e que sitúan á cidade como municipio referente no desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático.
Lugo é a primeira e única das grandes cidades da comunidade en obter este recoñecemento, creado no ano 2020 e que celebrou a súa cuarta edición. O distintivo identifica aos concellos galegos máis dinámicos no eido medioambiental, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de CO2, ou a redución do consumo enerxético entre outras cuestións.
Neste senso, a rexedora lembrou que “fomos pioneiros en implantar políticas medioambientais ambiciosas, que hoxe serven de exemplo para moitos outros municipios non só da nosa comunidade”. “Desde a redución de emisións contaminantes ata a protección dos nosos espazos naturais, pasando pola mellora do sistema de reciclaxe e a promoción da enerxía renovable, cada decisión que tomamos está orientada a mellorar a calidade de vida de todas e todos os lucenses, sen comprometer o futuro das novas xeracións”, subliñou.
Co respecto á obtención deste distintivo a rexedora municipal sinalou que “como alcaldesa é un orgullo recoller esta bandeira que acredita a Lugo como un referente no desenvolvemento sostible e na loita contra o cambio climático. Ademais, este recoñecemento apuntala o traballo que estamos a facer desde o Goberno local para avanzar cara a un municipio moderno, dinámico e con posibilidades de futuro, pero salvagardando a sostibilidade e fomentando o coidado medio ambiental”.
A candidatura coa que Lugo concorreu a esta convocatoria incluíu actuacións xa finalizadas e outras en execución “que amosan o modelo de cidade no que nos estamos a converter con proxectos que nos permiten vivir de xeito máis integrado co Miño (recuperación da Vía XIX, a pasarela sobre a N-VI e o paso soterrado, a senda verde ciclista, rexeneración do Carme, peonalización da calzada da Ponte...), nunha cidade máis ecolóxica (renaturalización dos espazos e creación de novas áreas verdes), referente no urbanismo sostible (Impulso Verde como edificio emblema e o deseño dos barrios sostibles do futuro), amable, funcional e integradora coa veciñanza de todas as idades (ascensores urbanos, peonalizacións, centros sociais interxeracionais, parques...) cun casco histórico continuo, camiñable e con diversidade de usos (peonalización integral do casco histórico e melloras na súa contorna) que impulsa a participación cidadá (Muramiñae Rehabilita) e fomenta o turismo sostible (coa Fábrica da Luz como algún dos proxectos claves)”, explicou Alvarellos.
Deste xeito, a finalidade do Executivo é acadar un Lugo con baixos niveis de contaminación, abundantes espazos naturais para goce dos seus habitantes, baixas emisións de gases efecto invernadoiro e cun crecemento urbanístico baseado en edificacións bioclimáticas e sostibles, e onde os cidadáns teñan unha importante vocación de respecto medio ambiental.
Bandeira verde de Galicia
O obxectivo deste galardón é que os municipios sexan recoñecidos pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural. Ademais, a obtención do mesmo constitúe mérito tanto para optar a subvencións en materia de patrimonio natural, coma de axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
Para a valoración das candidaturas, establecéronse tres categorías de concellos, segundo a súa poboación: Lugo, figura na primeira categoría, e máis restritiva en canto aos requirimentos para a obtención do distintivo, xunto a Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Audio
- Paula Alvarellos, sobre a Bandeira Verde de Galicia | Descargar mp3



