Lugo expón no Foro da Mobilidade de A Coruña o seu modelo de Cidade Sostible iniciado por Lara Méndez no anterior mandato

O tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández, acudiu ao encontro en representación da rexedora para relatar a transformación que experimentou a capital nos últimos 6 anos.

Martes, 21 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo expón no Foro da Mobilidade de A Coruña o seu modelo de Cidade Sostible iniciado por Lara Méndez no anterior mandato

Sostible e transitable. Con eses dous cualificativos o tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández, definiu o modelo de cidade que a rexedora, Lara Méndez, puxo en marcha en Lugo hai 6 anos cando iniciou o seu primeiro mandato.

“Un Lugo que gañou espazos para as persoas, fronte aos automóbiles, que trata de favorecer unha mobilidade activa, máis amable e tranquila coa que procuramos diminuír a contaminación fomentando non só unha forma de transporte máis limpa e eficiente dende o punto de vista enerxético, senón tamén hábitos de vida saudables”, resumiu Fernández.

O tamén responsable da área de Cohesión Territorial participou hoxe no II Foro da Mobilidade organizado polo Concello de A Coruña onde tivo oportunidade, xunto ao resto de representantes das sete grandes cidades galegas de abondar nas liñas de actuación municipais.

“A sostibilidade non só é o obxectivo da nosa transformación urbanística e de mobilidade, senón tamén unha das claves da nosa recuperación económica, onde estamos a desenvolver a Estratexia Lugo Transforma co maior investimento que realizou este Concello na súa historia, 12 millóns de euros, para a súa diversificación industrial, atraer empresas e crear emprego de alto impacto social e medioambiental, acorde co modelo de cidade que queremos para Lugo. E nel, a loita contra o cambio climático é un aspecto fundamental, por iso estamos a executar proxectos moi importantes cos que mudar a forma que a nosa veciñanza ten de desprazarse, apostando por medios menos contaminantes”, engadiu.

O tenente de alcaldesa referiu así proxectos como os 14 km de Senda Verde Ciclista xa en construción, a mellora da accesibilidade entre a trama urbana coa contorna fluvial a través do programa Dusi – Muramiñae mediante a creación da pasarela sobre a N -VI, a mellora do paso soterrado ou a peonalización da Calzada da Ponte e mesmo coa creación de ao redor dun milleiro de novas prazas de estacionamento, na súa maioría en parkings alternativos e disuasorios cos que se pretende facilitar lugares de aparcamento ás e aos condutores nas proximidades do Casco Histórico evitando así a súa entrada no recinto amurallado co obxecto de evitar o chamado “tráfico ocioso” e protexer e pular pola conservación do patrimonio.

Multimedia

  • Lugo expón no Foro da Mobilidade de A Coruña o seu modelo de Cidade Sostible iniciado por Lara Méndez no anterior mandato

Noticias relacionadas