Lugo é un dos tres Concellos pioneiros en impulsar a creación da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada

A institución que preside Lara Méndez destaca por ser a primeira Administración local en construír un edificio público integramente en madeira.

A rexedora participará este venres, en Madrid, na presentación de ‘Mass Madera’ para expoñer o modelo que seguiu o Impulso Verde e que se proxecta para o Barrio Multiecolóxico.

Mércores, 06 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo é un dos tres Concellos pioneiros en impulsar a creación da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada

O Concello de Lugo, xunto a Cuenca e Barcelona, é unha das tres Administracións locais que impulsan a creación de Mass Madera.

Unha plataforma integrada por laboratorios, gabinetes de arquitectura, empresas forestais, de enxeñería e montaxe, industrias especializadas e tamén promotores, Star Ups e organizacións públicas que nace coa vontade de tecer redes colaborativas que axuden a acelerar o uso deste material como solución á redución de emisións asociadas co sector da edificación. Un aspecto no que a Institución que preside Lara Méndez é xa todo un referente a nivel nacional e internacional.

A Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada se presentará este venres contando coa participación da alcaldesa que relatará, durante a xornada, o modelo construtivo que seguiu o Impulso Verde e o proxecto do Barrio Multiecolóxico previsto na Garaballa.

“Conscientes da importancia que adquiren as cidades como xeradoras de contaminación pero tamén pola nosa capacidade para absorver estas emisións, entendemos realmente necesario adoptar unha actitude moito máis proactiva tanto a este respecto – como así estamos a facer coa nosa estratexia de transformación urbana - como tamén á hora de achegar solucións que combatan as emanacións de CO2, por iso queremos compartir a nosa experiencia como primeira Administración municipal de todo o Estado en construír un edificio público integramente en madeira”, sinalou a rexedora.

Méndez destacou, neste sentido, que os avances cara o uso desta materia prima no medio urbano require de estímulos que axuden a romper as barreiras que aínda frean a súa implantación por iso “resulta fundamental a aparición dunha entidade coma esta que sexa capaz de conectar aos axentes do sector e ao resto de partes interesadas para propiciar sinerxías”.

Así, a rede ten como obxectivo coordinar e fomentar o intercambio de coñecemento, a divulgación e a posta en valor dunha axenda en común, creando até 15 iniciativas catalizadoras que fomenten a utilización da madeira maciza industrializada como unha das poucas alternativas ecolóxicas capaces de contrarrestar o contexto de emerxencia climática actual.

Xunto a Lara Méndez, no acto deste venres, que terá lugar no Palacio de Zurbano, en Madrid, intervirán tamén, como Institucións impulsoras, representantes da área Metropolitana de Barcelona, do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España, do European Forest Institute ou da Laudes Foundation, alén do Director Xeral de Axenda Urbana e Arquitectura, Iñaki Carnicero.

Noticias relacionadas