Lugo acolle por primeira vez o Premio Xoven Empresario de Galicia, que reunirá na cidade a unhas 200 persoas

A Alcaldesa, os presidentes de AJE Galicia e Lugo, o Presidente da Deputación e unha representante de Afundación presentaron a gala, que terá lugar o vindeiro xoves, 4 de febreiro, ás 19:00 horas, no MIHL

Méndez subliñou que acoller os galardóns e que AJE Galicia decidise implantar por primeira vez a súa sede na cidade “pon a Lugo no mapa de Galicia, empresarial e do emprendemento, o que terá repercusións moi importantes”

Darío Campos expresou o compromiso de colaboración da entidade provincial en futuras iniciativas, “máis alá do acto do vindeiro xoves”, e avanzou que “contaremos con AJE para a posta en marcha do noso plan de emprego xuvenil”

Carmen José López agradeceu a Concello e Deputación o apoio recibido, “que fixo posible que a gala se celebre no MIHL e que a Fundación TIC grave a entrega de premios para poder difundila na web da asociación e nas súas redes sociais

Mércores, 27 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle por primeira vez o Premio Xoven Empresario de Galicia, que reunirá na cidade a unhas 200 persoas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, a presidenta da Federación Galega de Xoves Empresarios-AJE Galicia, Carmen José López, e o da delegación lucense, Juan Manuel López, e a coordinadora adxunta de Educación Superior de Afundación, Carlota Sánchez-Montaña, presentaron este mércores no Salón de Plenos do Concello a quinta edición o Premio Xoven Empresario de Galicia, que por primeira vez acolle a cidade de Lugo e que reunirá a unhas 200 persoas. A gala terá lugar o vindeiro xoves, 4 de febreiro, ás 19:00 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

“Para Lugo é un privilexio acoller por primeira vez este premio”, subliñou a Alcaldesa, que agradeceu a AJE Galicia “que confiase en Lugo para ser destino deste certame e tamén que por vez primeira decidise establecer aquí a súa sede”, ao instalarse no CEI Nodus hai pouco máis dunha semana. Isto “pon a Lugo no mapa de Galicia, empresarial e do emprendemento, o que terá repercusións moi importantes para a nosa cidade”.

A rexedora destacou que “o valor da microempresa é fundamental, pois supón o 90% da estrutura laboral e o 78% do autoemprego no país, o que pon de manifesto a relevancia de seguir apoiando o emprendemento e ás pequenas e medianas empresas, como tamén o labor que pode desempeñar AJE Galicia e AJE Lugo”, asegurou.

Así mesmo, Lara Méndez puxo de relevo que “o xoven empresario non son só a xente nova, senón todas aquelas persoas que emprenden por primeira vez, independentemente da idade, e, polo tanto, necesita de axuda, información e asesoramento. Ese papel é o que vai a facer AJE Galicia dende o CEI Nodus, apoiando ademais toda aquela iniciativa empresarial que acolle no viveiro de empresas do centro”.

Colaboración AJE-Deputación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, felicitou a AJE pola organización da quinta edición desta cita e agradeceulle o feito de que elixise a provincia de Lugo para a súa celebración. Campos Conde trasladou á Asociación de Jóvenes Empresarios a colaboración do organismo provincial en futuras iniciativas, máis alá da que se celebra o vindeiro xoves, e avanzou que "contaremos con AJE para a posta en marcha do noso plan emprego xuvenil". Está dotado de 2 millóns de euros e ofrecerá formación a uns 300 mozos lucenses no paro para contribuír á súa inserción laboral en empresas da provincia ou favorecendo o emprendemento.

O vindeiro mes arrancará a fase de diagnóstico, na que haberá encontros con mozos, empresarios e colectivos para coñecer as necesidades. A Deputación contará coa participación de AJE, entre outras asociacións. Logo terá lugar a fase formativa e, posteriormente, a de inserción laboral. Esta poderá ser en empresas da provincia, que recibirán ata 4.200 euros para custos laborais e salarias, ou favorecendo o emprendemento e ofrecendo axudas de ata 3.000 euros para que os mozos abran os seus propios negocios.

Os premios

Pola súa banda, Carmen José López lembrou que o vindeiro xoves 4 de febreiro AJE Galicia recoñecerá ao Joven Empresario e ao Joven Emprededor do 2015. A maiores, e como ven sendo habitual, a asociación premiará tamén a aqueles proxectos empresariais que aposten pola internacionalización, a innovación e a creación de emprego na nosa comunidade. Nesta liña, a presidenta de AJE Galicia salientou o apoio incondicional do Igape, Abanca e mais de Afundación a uns premios que este ano chegan á súa quinta edición.

Neste senso, Carlota Sánchez-Montaña Puga, coordinadora adxunta de Educación Superior de Afundación destacou que os galardoados recibirán formación, valorada en preto de 19.000 euros, na Escuela de Negocios de Afundación.

Do mesmo xeito, a presidenta de AJE Galicia, Carmen José López, agradeceulle ao Concello de Lugo e á Deputación de Lugo todo o apoio recibido nestes últimos meses. Unha colaboración que fixo posible que finalmente a gala se celebre no MIHL e que o persoal da Fundación TIC grave integramente a entrega de premios para poder difundila posteriormente na páxina web da asociación e nas súas redes sociais.

No que atinxe á elección do espazo, a presidenta de AJE Galicia destacou que o Museo Interactivo da Historia é o lugar idóneo xa que “une pasado, presente e futuro coa innovación como bandeira”. Así, López asegurou que o feito de que Lugo acolla por primeira vez na súa historia estes premios é todo un fito e responde ao obxectivo marcado por AJE Galicia de darlle visibilidade a todas e cada unha das cidades e vilas da comunidade, “ao tempo que se recoñece o talento empresarial do que dispoñemos”.

Colaboracións

Carmen José López quixo facer fincapé no moito que a cidade se involucrou neste proxecto, algo que se materializa coas colaboracións do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e mais da Escola de Arte Ramón Falcón. Está previsto que un grupo de alumnos e alumnas do Conservatorio actúen ao longo da gala e que varios estudantes da Ramón Falcón realicen unha reportaxe fotográfica do evento. A maiores, serán tamén os alumnos da Escola de Arte, concretamente do ciclo de cerámica, quen se encarguen do deseño e elaboración dos trofeos desta quinta edición. “A verdade é que fomos chamando a todas as portas e sempre nos abriron”, subliñou a presidenta de AJE Galicia.

Audio

  • A Alcaldesa, durante a presentación do Premio Xoven Empresario de Galicia | Descargar mp3
  • A Presidenta de AJE Galicia, durante a presentación do Premio Xoven Empresario de Galicia | Descargar mp3
  • O Presidente da Deputación, durante a presentación do Premio Xoven Empresario de Galicia | Descargar mp3

Noticias relacionadas