Lino González Dopeso seguirá a fronte da Concellería de Medio Ambiente

Xoves, 07 de marzo de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

González Dopeso tomou esta decisión porque quere volver exercer a súa profesión de médico antes de xubilarse

O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Medio Ambiente e Axenda 21, Lino González Dopeso, informaron hoxe de que a decisión de González Dopeso de renunciar á adicación exclusiva no Concello non conlevará cambios na Concellería.

González Dopeso renuncia á adicación exclusiva no Concello de Lugo para volver a exercer a súa profesión de médico pero vai continuar nas súas responsabilidades a fronte da Concellería.

O Alcalde explicou que González Dopeso, que dirixe a Concellería de Medio Ambiente dende que entrou a formar parte da Corporación municipal, no ano 2003, “leva tempo aspirando a volver exercer a súa profesión, e vai facelo renunciando á adicación exclusiva, sen deixar a Concellería”.

Tamén aclarou López Orozco que a decisión de González Dopeso “obedece a razóns de tipo persoal, que hai que comprender, e non lle vai afectar á gobernabilidade do Concello, que está asegurada”.

Pola súa parte, González Dopeso lembrou que “sempre falei de voltar á Mediciña, desque entrei no Concello sempre lles dixen ós meus pacientes que volvería nalgún momento ó meu posto de traballo, a atendelos na consulta”. Explicou, ademais, que decidiu retornar á súa praza de médico porque “agora xa teño 63 anos, polo tanto só me quedan dous anos para xubilarme, e, nestes dous anos que me quedan, quero esgotar a miña profesión de médico, non quero xubilarme sen volver exercer a Mediciña, e quero volver ter contacto coa realidade social e no Concello téñoa, sobre todo, coa realidade administrativa”.

Respecto de ata cando continuará sendo Concelleiro, González Dopeso salientou que “predecir o futuro é complicado, case sempre se engaña un cando o fai” e considerou que “o futuro é inmenso e nel caben, sempre, todas as posibilidades”.

Noticias relacionadas