A Alcaldesa destacou na presentación do anteproxecto da estación polo Ministro de Fomento e a Presidenta de Adif que é unha infraestrutura imprescindible para Lugo porque garante o seu desenvolvemento socioeconómico, a chegada do AVE, e complementa o noso modelo de cidade, coa mobilidade como eixo central”
Suporá un investimento de 31,5M€, afectará a máis de 31.000m2 de superficie e fará posible que Lugo conte con novas dotacións urbanas e un edificio de 1.350m2 para a estación ferroviaria
Adif está en disposición de licitar xa o proxecto construtivo da nova estación ferroviaria co fin de iniciar as obras no próximo ano
- Tema

O Ministro de Fomento, José Luis Ábalos, e a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, presentaron este luns no Concello o anteproyecto da estación intermodal de Lugo, froito do traballo realizado durante o último ano de maneira coordinada entres os técnicos das tres administracións implicadas -o administrador ferroviario, o Concello e a Xunta- entre as que, como destacou a Alcaldesa, Lara Méndez, “sempre houbo entendemento”.
A rexedora asegurou durante o acto que foi necesario poñer de novo na axenda política esta infraestrutura “imprescindible” para a cidade “porque no 2011 había un proxecto de intermodal adxudicado que deixou esquecido nun caixón” o anterior Goberno central, polo que “os lucenses tivemos que esperar a que houbese de novo unha sensibilidade especial” para sacar adiante esta dotación “moi importante para Lugo porque garante a vertebración do territorio e o desenvolvemento socioeconómico, así como a chegada do AVE á cidade”, ademais de “complementar o noso modelo de cidade, que ten como un dos eixes centrais a mellora da mobilidade, fomentar o transporte público en detrimento do vehículo privado para, tamén, coidar o medio ambiente”.
O proxecto da intermodal suporá un investimento estimado de 31,5M€, afectará a máis de 31.000m2 de superficie e fará posible que Lugo conte con novas dotacións urbanas e un edificio de 1.350 m2 para la estación ferroviaria.
O novo complexo inclúe estación ferroviaria, estación de autobuses e aparcadoiro subterráneo, ademais doutras actuacións urbanísticas de integración do conxunto na trama da cidade.
Entre as características do Anteproxecto da nova área de transporte intermodal de Lugo destacan as seguintes:
- Aproveitamento da ampla superficie actual sen uso ao nivel da praia de vías.
- Construción dun novo edificio de viaxeiros de ferrocarril adecuado ás previsións de explotación.
- Localización da nova estación de autobuses e dársenas no mesmo nivel da praia de vías, o que facilitará a construción e, fundamentalmente, a explotación das novas instalacións, favorecendo a intermodalidade.
- Novo aparcadoiro subterráneo ligado ao funcionamento da área intermodal.
- Gran praza cuberta, integración urbana e outras actuacións de adecuación da contorna.
Esta ambiciosa actuación contempla obras que precisan de expedientes administrativos de distinta índole e horizonte temporal. Con todo, Adif está en condicións de licitar xa o proxecto construtivo da nova estación ferroviaria e as súas instalacións asociadas, co obxectivo de iniciar as obras no próximo exercicio.
O investimento de 31,5M€ desagrégase do seguinte modo:
- Estación ferroviaria (4,76 M€): novo edificio de viaxeiros de 1.350 m2. Inclúe remodelación de plataformas, novas marquesiñas e novo paso inferior accesible con medios de comunicación verticais.
- Estación de autobuses (4,1 M€): edificio de 840 m2 e superficie operativa de 8.100 m2 que albergará 18 dársenas, viarias, zona de mantemento e dársena de regularización.
- Aparcadoiro (8,36 M€): público e subterráneo, de 8.800 m2 nunha planta, con capacidade para 223 prazas, ademais de 7 prazas para persoas con mobilidade reducida.
- Actuacións urbanas (4,83 M€): o ámbito no que se desenvolverán abarca 12.350 m2. Inclúe zonas verdes (1.300 m2), gran praza intermodal con cuberta de 1.500 m2, urbanización da contorna e viarios exteriores.
- Paso inferior de conexión entre o centro urbano e o parque do Sacro Corazón (4,53 M€), de amplas dimensións e plena accesibilidade.
- Plan de Control de Calidade (4,92 M€): inclúe integración ambiental, xestión de residuos, e seguridad e saúde, entre outras medidas.
Máis info
- Infografías | Descargar zip
- Documento "Presentación Lugo" | Descargar ppt
- Video "Presentacion Lugo" | Descargar mp4
Audio
- A alcaldesa Lara Méndez, sobre a presentación do "Anteproxecto Estación Intermodal | Descargar mp3