Lara Méndez supervisa coa Policía Local o operativo especial para constrinxir ao imprescindible o tráfico rodado no Centro Histórico

O dispositivo de vixilancia comezou xa esta semana e consistirá na realización de controis aleatorios aos turismos que circulen intramurallas.

A medida, adoptada pola alcaldesa atendendo ás peticións da Asociación Barrio Centro de Lugo, pretende mellorar a seguridade viaria e diminuír o impacto dos vehículos sobre as zonas peonís.

A campaña terá, inicialmente, un carácter informativo e, posteriormente, sancionador con multas de 80€ por non respectar as prohibicións establecidas.

Martes, 21 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa coa Policía Local o operativo especial para constrinxir ao imprescindible o tráfico rodado no Centro Histórico

A Alcaldía de Lugo, en coordinación coa Policía Local vén de poñer en marcha un dispositivo especial para constrinxir ao mínimo imprescindible o paso do tráfico rodado ao Centro Histórico.

Así o anunciaba esta mañá a rexedora Lara Méndez xunto ao Intendente Xefe deste Corpo, Jesús Piñeiro.

“A medida obedece á petición que nos trasladou a veciñanza da Asociación Barrio Centro de Lugo para tratar de minorar o impacto que estaba tendo sobre as zonas peonís o paso de turismos, mellorando, así mesmo, a seguridade viaria en toda a contorna”, refeiru Méndez.

Durante o último encontro que a mandataria lucense mantivo coas persoas representantes do colectivo estas lle trasladaron a súa percepción do incremento do número de persoas que empregan o recinto amurallado como un atallo e solicitaron que o acceso se restrinxa ao estritamente necesario segundo o establecido, comunicado e sinalizado, con respecto á carga e descarga, residentes e traballadores/as, xunto coa utilización dos aparcadoiros soterrados.

“Atendemos deste xeito, nunha nova ocasión, as demandas da cidadanía para tratar de diminuír as molestias que se van detectando conforme se executan as diferentes fases das obras contempladas dentro do proxecto Corazón Verde, artellando as correccións máis acaídas en cada caso”, engadiu a alcaldesa.

Lara Méndez explicou, así, que a campaña terá, inicialmente e durante un tempo prudencial, un carácter informativo e, posteriormente, será sancionadora de reiterarse incumprimentos continuados á mesma.

“O dispositivo de vixilancia comezou esta mesma semana e consistirá na realización de controis aleatorios aos turismos que circulen intramurallas, atendendo aos diferentes accesos existentes e á finalidade coa que foron habilitados polo Concello”, indicou ao tempo que avanzou o cambio da sinalización actual por outra de maior tamaño e máis esclarecedora.

“Queremos un Lugo seguro para todas e todos, e unha cidade que permita conciliar a comodidade coa prestación de servizos, como pode ser o traslado de mercadorías ou a entrada e saída ás vivendas e establecementos pero para que isto sexa posible en boas condicións cómpre apelar tamén á concienciación e facer un uso das vías axeitado ás limitacións que temos actualmente debido aos proxectos de humanización que se están desenvolvendo na zona. Por iso instamos á poboación a actuar con responsabilidade e traer o coche ao Centro Histórico só nos casos nos que resulte inevitable”, sostivo a rexedora.

Pola súa parte, o Intendente Xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro deu conta de que se destinarán como mínimo dous indicativos diarios a este cometido, “sinaladamente en horarios nos que se rexistra unha maior concentración de tránsito. E sen entorpecer ao resto da circulación, detectarán o destino dos vehículos que accedan e interpelarán ás e aos seus condutores para que, sempre que sexa posible, empreguen itinerarios alternativos que non impliquen atravesar o recinto amurallado”.

Jesús Piñeiro afimrou, así mesmo, que os primeiros días as indicacións terán carácter de advertencia pero, posteriormente, a Policía Local poderá aplicar sancións que alcanzan os 80 euros (40 € se se abona en pronto pago) en aplicación á normativa de seguridade viaria por nos respectar as prohibicións establecidas.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o dispositivo de acceso ó centro histórico | Descargar mp3
  • O intendente xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, sobre o dispositivo de acceso ó centro histórico| Descargar mp3

Noticias relacionadas