Lara Méndez presenta un ambicioso proxecto para modernizar a xestión e mellorar a eficiencia do ciclo integral da auga

O programa inclúe 14 actuacións para erradicar en orixe as perdas de auga e mellorar a calidade do servizo, diminuíndo o seu custo para a cidadanía.

O Concello concorrerá ás axudas do PERTE, ao abeiro dos Next Generation, para financiar con elas o 72’44% dos 10.000.000 € aos que ascende o importe do programa.

Todas as accións deseñadas contribuirán a lograr unha redución de consumo medio de enerxía anual de, polo menos, un 10%, minorando o impacto ambiental da prestación.

Entre as medidas que se pretenden levar a cabo figura un proxecto piloto de depuración modular para o rural como solución ao saneamento dos núcleos.

A alcaldesa pretende tamén renovar o 35% da rede de abastecemento e substituír os contadores actuais, xa obsoletos, por outros telemáticos máis rigorosos na lectura.

“Trátase de garantir un uso máis sostible, xusto e equilibrado da auga e dun xeito máis transparente en prol das economías familiares e da conservación natural”, sinalou a rexedora.

Xoves, 09 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta un ambicioso proxecto para modernizar a xestión e mellorar a eficiencia do ciclo integral da auga

O seu nome é BORAMUS – deus celta sanador da auga - e con el a alcaldesa, Lara Méndez, ten por vontade mellorar a eficiencia da xestión do ciclo da auga para que isto se traduza nun maior aproveitamento dos recursos, tanto hídricos como municipais, e nun incremento da calidade de vida da veciñanza que terá garantida a subministración cun menor número de avarías e en mellores condicións e, polo tanto, cun menor custo do servizo.

“Unha das consecuencias da emerxencia climática é a escaseza de auga, un produto – a auga limpa – que precisa dunha gran cantidade de esforzos e recursos, o que fai preciso procurar unha xestión adecuada das infraestruturas necesarias para a súa produción, ao obxecto de evitar usos indebidos e desperdicios dun ben tan prezado”, afirmou.

A propia rexedora - compañada dos concelleiros de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira - informaba esta mañá dos detalles deste ambicioso proxecto co que o Concello de Lugo concorrerá ás axudas do PERTE, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos Next Generation.

“O importe das 14 actuacións que queremos levar a cabo ascende a 10.000.000 de euros, o que dá boa conta da súa envergadura, coa pretensión de que o 72’44% se asuma con fondos europeos (7.244.000 €) e o resto (2.756.000 euros) cunha achega municipal. Este trámite, tanto a aprobación do proxecto en sí como a participación na convocatoria europea, xa foi autorizado esta semana en Xunta de Goberno”, anunciou.

Méndez referiu que co proxecto, que xa estaba recollido no Plan de Acción Local da Axenda Urbana 2030 ‘Lugo Cidade Viva’, o Concello pretende elaborar un plan de sustentabilidade e eficiencia do uso dos recursos hídricos do municipio no que se terán en conta as fases de depuración, reutilización e distribución da auga para reducir perdas, fomentar usos eficientes do rego, incentivar a recollida de pluviais nos edificios e diminuír o consumo e o gasto enerxético.

“Ademais queremos modernizar e impulsar a dixitalización do ciclo completo da auga e reforzar os programas de seguimento e control das verteduras, facendo fincapé tamén na concienciación sobre o seu uso”, engadiu.

A alcaldesa sinalou que en España se ten contabilizado que a auga non rexistrada - que é a que se perde por fugas nas tubaxes, por fraudes ou erros de medición - alcanza unha media do 25% do total da auga dispoñible nas cidades. “Unha cantidade nada desdeñable e que resulta imperativo corrixir”.

“Precisamente, o principal aspecto innovador do proxecto Boramus é o feito de que tratemos de abordar o problema de raíz. Propoñendo, alén da mellora da rede de abastecemento coa instalación de nova tubaxe no ciclo completo da agua (captación, abastecemento, saneamente e vertedura), a implantación de mecanismos de dixitalización que alcanzarán incluso ao saneamento mediante a adquisición de sistemas de revisión da rede. Isto permitirá coñecer con moita brevidade e precisión a situación de todas as canalizacións da cidade e posibilitará evitar interrupcións duradeiras na subministración nos puntos exactos onde se suceden esas fugas, atendendo con maior axilidade os posibles problemas na rede, en beneficio da veciñanza”, afirmou Lara Méndez.

Obxectivos de Boramus

Así, é importante destacar que todas as intervencións deseñadas contribuirán a lograr unha redución de consumo medio de enerxía anual de, como mínimo, un 10%.

“Estes aforros lograranse coa aplicación de medidas de eficiencia enerxética e coa posta en marcha de instalacións de produción de enerxía renovable asociadas ao proceso, pero tamén coa dixitalización de gran parte da rede de abastecemento que permita detectar os puntos nos que hai usos anómalos da auga ou onde está a orixe da fraude”.

“Parte dos erros de medición radican, así mesmo, na antigüidade dos contadores polo que unha das solucións expostas baséase na instalación de telecontadores – que substituirán aos existentes - cuxo marxe de erro é notablemente menor ao dos convencionais”.

“En resumo, este programa centrarase na redución da auga non rexistrada como base da mellora da eficiencia enerxética que se pretende, evitando fugas e perdas ao longo de todo o ciclo, mellorando a regulación das presións o que redundará nun menor número de roturas e de cortes de subministración e na detección temperá das averías, minorando as situacións de fraude e, ao mesmo tempo, optimizando os investimentos baixo criterios de sustentabilidade social e ambiental”, apuntou a rexedora.

“Isto – salientou Méndez – xunto á implantación das ferramentas de intelixencia artificial, axudaranos a garantir un uso máis xusto e equilibrado da prestación, posibilitará ás e aos usuarios dispoñer de máis información, de xeito máis transparente e, ademais, en tempo real, sobre os seus consumos e, a nivel Institucional, nos axudará a mellorar a toma de decisións e a planificación das políticas hídricas coa premisa de protexer e preservar as masas de auga e sensibilizar a este respecto á poboación”.

A mandataria lucense mencionou, igualmente, outros ítems que se acadarán co proxecto como a redución de riscos hidrolóxicos, de inundacións, secas etc, rebaixando a sobrexplotación dos acuíferos do municipio e impedindo a degradación do medio ambiente.

“Estamos seguros, tamén, de que a execución das diferentes intervencións que inclúe o proxecto propiciará a xeración de emprego de alta cualificación técnica e redundará de xeito moi positivo no reto demográfico xa que algunhas desas actuacións se dirixen específicamente a consolidar poboación nos núcleos rurais”, destacou.

Actuacións incluídas no proxecto

Boramus comprende tres tipos diferenciados de actuacións.

Por unha banda, as destinadas a elaboración e/ou actualización de estratexias, plans e proxectos construtivos ou estudos que promovan a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga.

Pola outra, intervencións específicas de mellora de eficiencia e da dixitalización do ciclo urbano da auga relacionadas coa captación, os sistemas de abastecemento, saneamento e depuración e en puntos de vertedura de augas residuais.

E, finalmente, para a mellora de plataformas ou sistemas de información e ferramentas dixitais co obxectivo de previr as perdas de auga e mellorar a xestión das infraestruturas de tratamento, etc.

“En total foron planificadas 14 accións cuxa implantación cronolóxica comprende, no seu conxunto, un horizonte de tres anos (2023 - 2025), atendendo a obriga de que todas estean rematadas a 31 de decembro de 2025, aínda que existe a posibilidade dunha prórroga que finalizaría o 1 de xuño de 2026”, aclarou.

Actuación 1 e 2. Implantación dun sistema de Información Xeográfica ou GIS, tanto na rede de abastecemento como na de saneamento.

Permitirá obter un coñecemento total sobre as características das redes no que ten que ver coas tubaxes, válvulas, depósitos, e en xeral, sobre todos os compoñentes que forman parte da traída.

Segundo a alcaldesa, “estas actuacións – que serán as primeiras a acometer - resultan vitais como paso previo ao resto e suporá para o Concello unha maior capacidade de detección de erros e de reacción ante fugas, perdas de auga ou outros imprevistos”.

  • Duración: 12 meses
  • Orzamento: 125.000 euros cada un dos sistemas.

Actuación 3. Eficiencia enerxética e mellora das bombas no sistema de captación.

Neste caso, o primeiro será diagnosticar os equipos dispoñibles, ao obxecto de saber se están correctamente dimensionados co fin de axustar o funcionamento á demanda óptima, para lograr, así, unha redución do consumo enerxético das bombas de captación de auga.

  • Duración: 16 meses.
  • Orzamento: de 200.000 euros.

Actuación 4. Dixitalización dos depósitos.

Búscase sensorizar os depósitos para poder obter datos do seu funcionamento. Esta dixitalización mellorará a operativa e produtividade do sistema tanto no que ten que ver coa eficiencia enerxética como na detección de fugas, a redución da auga non rexistrada e tamén do tempo de resposta ante as incidencias.

  • Duración: 6 meses.
  • Orzamento: 45.000 euros.

Actuación 5. Mellora das bombas da rede de abastecemento.

O que se pretende é buscar a eficiencia das bombas e grupos de presión dispostos ao longo da rede de abastecemento co fin de optimizalas.

Inclúe a actualización de bombas obsoletas pero tamén abordará a potencial recolocación dos equipos de bombeo para que se axusten ás necesidades de caudal e presión requiridas nas distintas partes da cidade.

  • Duración: 24 meses.
  • Orzamento: 100.000 €

Actuación 6. Mellora das redes de abastecemento – redución de fugas e mallado.

En moitos puntos de España as tubaxes teñen unha antigüidade superior aos 40 anos, unha circunstancia á que Lugo non é allea. Por este motivo sofren un deterioro que ocasiona un gran número de perdas. Esta actuación consiste principalmente na renovación das tubaxes que conforman a rede de abastecemento de Lugo, ao mesmo tempo que se mellora o mallado das mesmas.

Deste xeito, unha avaría nun punto determinado non carrexará un corte de subministración, xa que a auga pode conducirse por outras tubaxes da malla, deixando illado o tramo en reparación. A porcentaxe de rede que se pretende renovar é aproximadamente do 35%, actuando primeiramente na que se atopa máis deteriorada.

  • Duración: 36 meses.
  • Orzamento: 3.450.000 euros.

Actuación 7. Dixitalización da rede de abastecemento e o sistema de captación con sensores de presión e de caudal e comunicación coa plataforma de xestión.

Consiste na instalación de sensores de presión que facilitarán identificar con celeridade a detección, de forma temperá, de incidencias significativas que puidesen comprometer o servizo, reducindo as interrupcións no mesmo.

  • Duración: 24 meses
  • Orzamento: 300.000 €

Actuación 8. Telelectura e contadores.

Preténdese renovar o parque de contadores dunha alta porcetaxe do parque inmobiliario.

A alcaldesa lucense, cualificou esta actuación como unha das máis significativas para a cidadanía en tanto lle permitirá incrementar o control sobre o consumo de auga a través de avisos e alarmas, planificar e detectar anomalías.

“Posibilitará, ademais, ofrecer un servizo de lectura máis sinxelo, cunha maior privacidade, e unha garantía de facturación xusta, en función do consumo individual de auga de cada fogar, podendo obter obter información de forma fiable en tempo real”, resumiu.

  • Duración: 36 meses.
  • Orzamento: 1.185.000 €

Actuación 9. Mellora das redes de saneamento e tanque de tormentas.

Levarase cabo mediante a instalación de novas conducións e sistemas de control e coa adquisición de equipos ópticos para realizar inspeccións periódicas visuais que axudarán a un correcto mantemento da rede de sumidoiros ou colectores para evitar fenómenos de obturación e atascos

“A finalidade primordial é controlar as verteduras por saturación da rede, reducindo o risco de contaminación asociado”, apuntou a rexedora.

  • Duración: 36 meses.
  • Orzamento: 3.250.000 euros.

Actuación 10. Dixitalización do sistema de saneamento mediante sensores de caudal.

Proponse a instalación de sensores que midan e comuniquen os indicadores significativos de caudal, consumo enerxético, carga contaminante, etc dos elementos máis relevantes que conforman o sistema de saneamento.

O cometido é obter unha maior información sobre como se comporta a rede.

  • Duración: 24 meses.
  • Orzamento: 150.000 euros.

Actuación 11. Mellora da depuración de núcleos illados.

Esta actuación, das máis destacadas e con maior proxección para a veciñanza, ten como obxectivo o desenvolvemento dun proxecto piloto baseado na instalación de equipos modulares para mellorar o sistema de depuración dos núcleos rurais.

“Unha das súas principais vantaxes é que pode aumentar ou diminuír a súa capacidade para adaptarse ás demandas da poboación á que dá servizo”, sinalou Lara Méndez.

“Trátase de equipos facilmente transportables e moi sinxelos de operar de forma remota. Características que as fan especialmente adecuadas para ser situadas en zonas illadas, de xeito que, considerando a composición do municipio de Lugo, con 54 parroquias, levarase a cabo a execución dunha proba piloto que contraste os beneficios destes sistemas para valorar a súa posible aplicación na totalidade dos núcleos”, avanzou a rexedora.

  • Duración: 12 meses.
  • Orzamento: 200.000 euros.

Actuación 12 e 13. Xemelgos de abastecemento e saneamento e depuración.

Os xemelgos créanse nun programa de computador que usa datos do mundo real para recrear simulacións que poden predicir como funcionará e utilízanse para evitar fallos e para realizar funcións avanzadas de análises, estudar o rendemento, etc.

  • Duración: 12 meses.
  • Orzamento: 300.000 euros cada xemelgo.

Actuación 14. Vertical na plataforma Smart.

Esta plataforma permitirá a visualización, análise e seguimento das métricas e os indicadores obtidos nas actuacións anteriores.

Trátase dunha ferramenta moi útil para observar os patróns de comportamento que xorden e elaborar, a partir deles, predicións e prognósticos e, de cara ao consumidor, permitirán ao usuario dispoñer do seus datos nunha App para a súa xestión individual.

  • Duración: 12 meses.
  • Orzamento: 150.000 €.

Xa para finalizar, a alcaldesa, Lara Méndez, manifestou que para a execución das 14 actuacións, se establecerá un cronograma dos traballos que inclúe o establecemento e consecución de fitos medibles de forma obxectiva.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a mellora da xestión do ciclo da auga | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a mellora da xestión do ciclo da auga (II) | Descargar mp3

Noticias relacionadas