O evento está a celebrar nesta anualidade a súa 8ª edición de forma consecutiva, batendo récord de participación con 123 asistentes de Galicia, Madrid, Canarias ou Cataluña.
A rexedora agradeceu ao ex xogador do CB Breogán “que manteña a súa vinculación con Lugo e coa mocidade lucense, así como o traballo realizado ao longo da semana”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, mantivo un encontro este venres na Casa Consistorial cos participantes no campus de verán Álex Llorca, que está a celebrar nesta anualidade a súa oitava edición de forma consecutiva, batendo récord de participación con 123 asistentes, de entre 10 e 17 anos.
Neste senso, Méndez destacou “o arraigo co que conta xa esta iniciativa na cidade, totalmente consolidada no verán lucense, como así o indica o interese que espera entre a xuventude, chegada non só de toda a provincia de Lugo, senón tamén de Galicia e mesmo doutras comunidades como Madrid, Canarias ou Cataluña”.
Así, a rexedora agradeceu ao ex xogador do CB Breogán, Alex Llorca, “que manteña a súa vinculación con Lugo e coa mocidade lucense, así como o traballo realizado ao longo da semana, da man do director técnico, Mateo Rubio, para formar ás futuras promesas do baloncesto nacional”.
O campus deu comezo o pasado luns, 3 de xullo, e finalizará o vindeiro domingo. A parte dos moitos adestramentos dirixidos polos doce membros do staff técnico, aos que se une un fisio e un preparador físico, levan a cabo actividades de lecer, entre as que destacan as visitas as piscinas municipais de Frigsa ou ao centro deportivo Forus, ademais das gymcanas pola cidade ou a presenza de Javi Vega, capitán do Basquet Coruña. Nesta edición tamén se organizaron charlas sobre psicoloxía deportiva dirixidas por Denís Fernández ou sobre nutrición deportiva impartida pola nutricionista Nuria Callejo.