Lara Méndez lémbralle ao COAG que os procedementos da función pública son regrados en defensa do interese xeral

A alcaldesa lamenta que o colexio manifeste xuízos de valor sobre feitos e procedementos que “non só semella descoñecer senón que abordou sen recabar a mínima información”.

A rexedora cree inaceptable que se sinale a un funcionario sen tacha no seu expediente e ínstalle ao COAG de Galicia a restituír a normalidade nas relacións institucionais.

O Concello de Lugo incide en que os intereses do colectivo “son susceptibles de lexitimidade pero non de imposición ao marxe das disposición regulatorias”.

Venres, 12 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, como máxima representante do Concello de Lugo, vén de remitirlle unha carta á Decana-Presidente do Colexio de Arquitectos de Galicia lamentando as novas que transcenderon aos medios de comunicación por parte da COAG de Lugo criticando o nomeamento do xefe do Servicio de Arquitectura, “manifestando opinións e xuízos de valor sobre feitos e procedementos que non só semella descoñecer senón que, ademais, abordou sen recabar a mínima información e prescindindo de calquera posibilidade de coñecer a realidade administrativa”, xa que non se puxeron en ningún momento en contacto co Concello.

A rexedora amosa a súa sorpresa pola convocatoria dunha asemblea para abordar un procedemento de estrito ámbito municipal como é o nomeamento dun xefe de servizo, “sen ter recabado o máis mínimo dato a administración á que represento, o que a miña opinión deixa baleiro de rigor calquera pronunciamento ao respecto”.

Nas novas “despréndense afirmacións da máxima responsable da delegación de Lugo ante a opinión pública, non ante esta institución, que non só son discutibles, son totalmente inaceptables”, sostén.

Lembra a alcaldesa que os procesos de provisión de postos de traballo no eido da función pública teñen natureza regrada, como debe ser en defensa do interese xeral”, que “non debe ser embazado por outras razóns de conveniencia”.

Así mesmo, Lara Méndez sinala que o Concello de Lugo non pode consentir que un colectivo, “susceptible de lexitimidade pero non de imposición á marxe das disposición regulatorias imperantes”, sinale a un funcionario sen tacha no seu expediente na Administración Local. Deste xeito, o Concello dalle amparo a este traballador, “e mais cando non se ten acudido ás vías regulamentarias para corrixir as interpretacións discutidas”.

A xuízo do Concello, e así llo fai saber á decana-presidenta do COAG de Galicia, “apréciase a obstinación por parte da representante da delegación da institución que vostede representa en apreciar unha inxerencia política que teña desviado o procedemento do posto sinalado o cal permítame indicarlle con rotundidade que é mentira, considerándoo ademais un exabrupto que sobrepasa as fronteiras do aceptable”.

Neste sentido, a rexedora volve lembrar que os procesos administrativos, “tamén en materia de persoal como o que nos ocupa, estanse a desenvolver con escrupulosa suxección ao marco normativo que a todos nos é imperativo e, a todos tamén, nos ofrece garantías”.

A alcaldesa convida á decana-presidenta á “poder restituir a normalidade nas relacións institucionais entre a entidade que vostede representa e o Concello”. Mentres tanto, “rógolle que adopte as medidas que considere en prol de que non se vertan opinións infundadas e incluso calumniosas sobre os procedementos regrados impulsados dende o Concello de Lugo, xa non por consideración a quen o preside se non por respecto aos funcionarios que prestan un esencial servizo público no mesmo”.

Audio

Noticias relacionadas