Lara Méndez insta á conselleira a abordar nunha mesa técnica os temas pendentes do Novo Auditorio para axilizar á recepción

A alcaldesa manda unha carta a Angeles Vázquez e avoga por non converter en políticos temas de carácter técnico “como está a pasar, non sen certo estupor pola nosa parte”

A intención da reunión é que os técnicos municipais teñan toda a información para apoiar e acelerar as verificacións e os informes para recibir a instalación con garantías

A rexedora lembra que deben primar os intereses dos lucenses. “Seguro que nesta premisa estamos todos de acordo, e tamén con que o retraso é xa máis que suficiente”

Venres, 26 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez insta á conselleira a abordar nunha mesa técnica os temas pendentes do Novo Auditorio para axilizar á recepción

O Concello de Lugo insta á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a manter unha reunión de carácter técnico para coordinar e acelerar as verificacións e os informes necesarios para que a Administración local reciba as instalacións con todas as garantías segundo as condicións prescritas no proxecto.

A propia alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, enviou unha carta neste sentido á responsable autonómica, Angeles Vázquez, co obxectivo de encamiñar os temas pendentes para que, canto antes, sexa unha realidade a inauguración.

Na carta, a rexedora sostén que o obxectivo é que nesta reunión, as persoas que designe a consellería “ofrezan aos nosos técnicos toda a información necesaria para que poidan, por unha banda, apoiar nas cuestións pendentes se estas fosen da nosa estrita competencia e, por outra, acelerar as verificacións e os informes necesarios para que o Concello reciba as instalacións con todas as garantías”.

Lara Méndez sostén que, xa que se está na última fase antes de recepcionar as dependencias culturais, “sería conveniente manter unha reunión de carácter técnico o máis pronto posible”, e máis despois de ler “estes días nos medios de comunicación, non sen certo estupor, como se converten nunha cuestión política asuntos sobre o Novo Auditorio de Lugo que son meramente técnicos e, por tanto, a resolver entre os técnicos das dúas administracións”.

A rexedora lucense lembra na carta que os e as lucenses levan quince anos de espera por estas instalacións e que Lugo é a única gran cidade que aínda non conta con elas, é sostén que é “a nosa obriga como representantes institucionais respectar a cidadanía e primar ante todo os intereses dos e das lucenses. Seguro que nesta premisa estamos todos de acordo, e tamén con que o retraso da apertura real destas instalacións é xa máis que suficiente”.

Por último, Lara Méndez, que tanto neste mandato como no anterior está a avogar pola lealdade institucional entre Administracións, lémbralle á conselleira, como xa fixo con anterioridade, a total dispoñibilidade do Concello para a pronta apertura do Novo Auditorio.

Noticias relacionadas