Lara Méndez humanizará as novas peonalizacións en Recatelo atendendo ás peticións da veciñanza a través do Dito e Feito

A rexedora supervisou in situ o avance das obras que as persoas residentes no barrio solicitaron durante a campaña de participación do Plan de Embelecemento Urbano.

Luns, 27 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez humanizará as novas peonalizacións en Recatelo atendendo ás peticións da veciñanza a través do Dito e Feito

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, humanizará os novos espazos recentemente peonalizados de Recatelo, atendendo, así, ás demandas que a veciñanza deste barrio lle trasladou a través da campaña de participación Dito e Feito.

A rexedora, supervisou in situ o avance das obras que se están a executar estes días, ao abeiro da posta en marcha do Plan de Embelecemento Urbano e para o que se tiveron en conta as suxestións achegadas polas persoas residentes na contorna.

Méndez referiu que o persoal do centro social de emprego que recibiu a adxudicación dos traballos (Coregal), estivo a desenvolver neste punto da capital tarefas de conservación, fundamentalmente, nas inmediacións da rúa Cidade de Viveiro, onde se concentraban as peticións da cidadanía.

“A primeira intervención foi a de acondicionar a escalinata que une esta vía coa rúa Santiago. Trátase dunha reclamación que xa nos comunicaran na execución do programa Muramiñae Rehabilita e que estamos a materializar non só coa limpeza mediante auga a presión e coa reparación con morteiro das baldosas e das zonas que presentaban roturas, senón tamén mellorando a súa estética xeral cun repintado da varanda para que luza nova”, indicou a alcaldesa que, igualmente, anunciou que o Concello estudará agora realizar un graffiti neste emprazamento “para o que se buscará a conformidade das e dos veciños”.

Lara Méndez sinalou, alén, que os labores continuaron pola rúa Cruzamento, onde se repasaron as beirarrúas para arranxar os treitos que presentaban un maior deterioro e se aseguraron pedras do muro existente neste enclave co fin de garantir a súa seguridade.

“Trátase de actuacións que contribúen moi positivamente a mellorar os barrios e a incrementar a súa habitabilidade, de aí a súa transcendencia. Unha máxima que estamos a estender a todo o municipio e que en Recatelo resulta fundamental debido á súa proximidade coa confluencia dos tres Patrimonios da Humanidade dos que gozamos en Lugo”, sostivo a rexedora, ao tempo que lembrou que o resto de iniciativas enmarcadas na estratexia Dusi que se concretan nesta zona – como pode ser a rexeneración do Carme e da vía XIX, a recuperación da Cloaca ou a peonalización da Calzada da Ponte, reverterán de forma moi significativa en toda a contorna.

Noticias relacionadas