A Alcaldesa lucense lembra que acadou este compromiso, “para a cidade irrenunciable”, por parte da Secretaria de Estado de Infraestructuras na súa última visita á cidade.
A rexedora destaca que “non debemos quedar aillados no tráfico de mercadorías, non nos pode pasar como co transporte de viaxeiros, onde Lugo sofre o retraso nas conexións”.
- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, felicita o avance do nomeamento por parte do Ministerio de Transportes de José Antonio Sebastián como comisionado para impulsar o desenvolvemento das infraestruturas e os servizos ferroviarios do Corredor Atlántico de mercadorías, e advirte que estará atenta a que se cumpra o compromiso de incluír ao municipio no mesmo, “compromiso que acadei coa Secretaria de Estado de Infraestructuras, Isabel Pardo de Vera, na súa última visita á cidade”, lembrou.
Para a rexedora, “a nosa conexión co Corredor Ferroviario Ferrol - Coruña – Betanzos – Lugo é un obxectivo irrenunciable de cidade. É unha necesidade clara, que veño reclamando desde hai anos para que podamos adquirir un maior protagonismo na conectividade do mapa estatal e internacional e para acadar unha maior competitividade das nosas empresas e da nosa economía”.
“Entramos nun momento de inflexión -sostivo- xa que se abre agora unha nova oportunidade de financiación para incluír a Lugo neste Corredor co fin de non quedar aillados nunha saída ferroviaria cara a Europa”. “Lugo da pasos en firme na mellora das conexións de pasaxeiros, “aínda que moi lentamente porque levamos moitos anos de retraso, e agora non podemos perder o tren do tráfico de mercadorías”, destacou.
Lara Méndez ven defendendo tanto como alcaldesa como presidenta do Eixo Atlántico que se dean pasos en firme por parte do Goberno central para impulsar o Corredor Atlántico co fin de que Lugo e o resto de Galicia no queden en desvantaxe como están agora fronte ao Corredor Mediterráneo, pero “se non pode existir unha España de dúas velocidades, tampouco unha Galicia de dúas velocidades, onde a Galicia do interior non estea presente porque debemos traballar nunha cohesión territorial real”, incidiu.
A rexedora mantivo unha intensa axenda, acentuada neste mandato, para reclamar a unión de todos os axentes co fin de reclamar este corredor de mercadorías. Xuntanzas con empresarios, sindicatos, concellos e veciñanza e mesmo co anterior presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, “co que acordamos de forma unánime no 2020 crear unha comisión executiva onde estivésemos presentes o Eixo Atlántico, o goberno galego, a Fegamp, o Consello Económico e Social e todos os axentes implicados, comisión que impulsaría a Xunta e que tristemente deixou nun caixón”.