Lara Méndez enxalza o pulo á inserción laboral que suporá o proxecto Edyta de competenciais dixitais para o colectivo de mulleres xitanas

A alcaldesa participou esta mañá na inauguración da Aula, a segunda xunto con Ourense, que se pon en marcha en Galicia.

A iniciativa, impulsada pola Fundación Orange en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano, se desenvolverá na sede deste colectivo ata finais de xuño.

Mércores, 04 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza o pulo á inserción laboral que suporá o proxecto Edyta de competenciais dixitais para o colectivo de mulleres xitanas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu esta mañá á presentación da Aula Edyta que as Fundacións Orange e Secretariado Xitano veñen de poñer en marcha na cidade.

Un proxecto pedagóxico, de ámbito nacional, ao redor da educación e transformación dixital, destinado tanto a entidades do terceiro sector como a administracións públicas, que traballen con colectivos femininos en situación de vulnerabilidade, risco de exclusión e baixa empregabilidade e cuxo obxectivo é favorecer a inclusión social e a incorporación profesional destas mulleres a través do desenvolvemento de competencias dixitais.

Durante a inauguración, a rexedora, que acudiu acompañada pola tententa de alcaldesa de Cohesión Social, Ana González Abelleira e pola concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, puxo en valor a iniciativa, destacando que o desenvolvemento de competencias dixitais resulta unha ferramenta clave no presente e futuro laboral.

“A colaboración dos sectores público e privado e a tecnoloxía como elemento de inclusión social son sempre unha gran sinerxía, por iso desde o Concello entendemos Edyta como sinónimo de oportunidade e queremos darvos as grazas por poñela en marcha, hoxe por primeira vez, no noso municipio”, afirmou Méndez.

A alcaldesa destacou tamén que “esta acción vén a sumarse ás de carácter municipal que desenvolvemos dende as concellerías de Benestar e Xuventude, cunha perspectiva máis social e mesmo lúdica, como ás que impulsamos dende Desenvolvemento Local encamiñadas a mellorar a empregabilidade da poboación”, sinalou ao tempo que lembrou que, baixo o nome de ‘Lugo Job’ o Concello promove, nestes momentos, a inserción laboral dun milleiro de persoas.

“Trátase dun plan de formación gratuíto que posibilita a adquisición de competencias clave, coñecementos e capacitación e que se ampara na estratexia de dinamización e reactivación económica que impulsamos como resposta á pandemia. Porque para nós o benestar da cidadanía pasa por ter oportunidades laborais”, aseverou Lara Méndez.

A rexedora fixo fincapé na vertente social de Edyta “xa que, nada mellor que propiciar esa integración outorgándolles ás súas usuarias competencias que serán para elas a chave de acceso a un posto de traballo que mellorará a súa calidade de vida e tamén a das súas familias”, concluíu.

Multimedia

  • Lara Méndez enxalza o pulo á inserción laboral que suporá o proxecto Edyta de competenciais dixitais para o colectivo de mulleres xitanas

Noticias relacionadas