Lara Méndez destaca a importancia de que Lugo renove a oficina Europe Direct na etapa de recuperación postpandemia

Tres mozas de Lugo e un inmigrante inauguran coa alcaldesa o único centro de información europea que acolle un concello en Galicia tras renovalo a comisión europea ata 2025.

Nestas instalacións poderanse coñecer os programas que impulsan a transición verde e dixital a través de  NextGenerationEU , entre outras accións vinculadas ao futuro de Europa.

Martes, 20 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca a importancia de que Lugo renove a oficina Europe Direct na etapa de recuperación postpandemia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou hoxe no CEI-Nodus a oficina do centro Europe Direct Lugo para o período do 2021-2025, centro que acaba de renovar a confianza da Comisión Europea, que valida unha vez máis a Lugo como único concello en Galicia que disporá de novo destas instalacións tras alcanzar unha moi alta puntuación polo traballo desenvolvido durante estes anos para informar e involucrar á cidadanía nos asuntos europeos.

A rexedora aproveitou a ocasión para agradecer a labor realizada a todo o persoal municipal involucrado na xestión da oficina, “que leva 12 anos axudando a crear Europa, traballo que volve recoñecernos a Comisión Europa renovando a súa confianza outros catro anos máis, ata o 2025, nun momento, ademais, tan importante para a reconstrución da cidade en tempos postpandemia”.

Con motivo do acto, a concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego organizou un acto que deu comezo co izado da bandeira, como símbolo de achegamento e irmandamento de todos os pobos da Unión Europe e que finalizou coa lectura dun manifesto por parte de catro persoas seleccionadas por representar a diferentes xeracións e simbolizar os valores que defende a Unión Europea. Tres mozas de 18 e 23 anos (as irmáns xemelgas Clara e Lucía Varela Méndez e Antía Romero Villamor), destacadas polo seu excelente currículo académico, explicaron a súa experiencia cos programas europeos para a mocidade, e o inmigrante venezolano Jesús Garrido Pérez, de 63 anos, destacou a acollida que tivo cando chegou a Europa, “un lugar aberto, tolerante e integrador”.

Durante o acto, a rexedora puxo en valor non só os valores europeos senón a importancia que están a ter os fondos na transformación da cidade, “xa co URBAN, que humanizou o casco histórico, pero tamén co LIFE de urbanismo sostible, o DUSI para unir a trama urbana co río ou mesmo os Smart City, co que estamos a modernizar a administración local”.

As oficinas de Europe Direct neste novo periodo están deseñadas como unha nova xeración de centros nos que o papel que xogarán é máis esencial que nunca xa que, ademais de conectar as Institucións da UE e os cidadáns, deberán explicar como Europa loita contra a pandemia da COVID-19, impulsa a transición verde e dixital a través de  NextGenerationEU e anima aos cidadáns para involucrarse no debate da Conferencia sobre o Futuro de Europa.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a apertura do Europe Direct | Descargar mp3

Noticias relacionadas