Lara Méndez crea unha mesa de traballo cos sectores produtivos de Lugo para coordinar a estratexia de dinamización económica polo COVID 19

A alcaldesa de Lugo reuniuse por videoconferencia cos colectivos empresariais e autónomos para coñecer a súa situación e escoitar as súas preocupacións e propostas

Acompañada do edil de Desenvolvemento Local, avanzoulles as medidas xa articuladas para que poidan dispor de maior liquidez durante o tempo que dure o estado de alarma

Mércores, 25 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez crea unha mesa de traballo cos sectores produtivos de Lugo para coordinar a estratexia de dinamización económica polo COVID 19

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de crear unha mesa de traballo cos distintos sectores produtivos  do municipio para coordinar a estratexia de dinamización económica, á que o Concello destinará unha partida económica de 5 millóns de euros como plan de continxencia para paliar os efectos sobre ás familias, empresas, pemes e autónomos.

Esta mesa, que manterá o contacto principalmente a través das novas tecnoloxías, concretouse durante a reunión que mantivo a rexedora esta mañá mediante unha videoconferencia cos distintos colectivos empresariais, hostaleiros e autónomos de Lugo.

Acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto,  Lara Méndez avanzoulles algunhas das medidas xa adoptadas polo Goberno local co fin de que poidan dispor de maior liquidez para afrontar esta situación durante o tempo que dure o estado de alarma como o aprazamento do cobro dos 22 millóns que se recadan do IBI, a exoneración do pago dos alugueres municipais a empresarios e placeiros ou a suspensión das liquidacións polo cobro das terrazas, entre outras taxas, así como o compromiso do pago de todas as facturas do Concello cos seus provedores nun prazo inferior a dous meses.

“Trátase de acompañar  e apoiar a todo o tecido produtivo de Lugo nesta situación de crise para que a travesía sexa menos dolorosa e de adoptar xuntos as actuacións que permitan dinamizar a economía local de xeito que poidamos saír reforzados”, explicou Lara Méndez, quen tamén lles avanzou as medidas que se están a articular coa partida de 5 millóns de euros habilitada, como a de complementar a porcentaxe que cobrarán os traballadores afectados polos ertes ata o 100% da base reguladora.

O Goberno local, tanto nesta primeira reunión como na mesa de traballo que se creará, busca, ademais de coordinar as actuacións que se poñan en marcha e articular xuntos novas propostas, facer un seguimento de como están a resistir os envites da crise os distintos sectores económicos para “dar apoios concretos e directos”, sostivo a rexedora.

Durante a videoconferencia, os distintos colectivos fixeron un primeiro análise da situación e amosaron todos unha profunda preocupación tanto pola saúde dos e das lucenses como polos efectos que causará a pandemia nas empresas, comercios e autónomos, alén de amosar todos a súa disposición por sumar para que a cidade, unha vez remate o confinamento, poida recuperar a normalidade canto antes.

Igualmente coincidiron, tanto o Goberno local como os colectivos, na importancia de que as medidas do Concello acompañen ás doutras administracións, para que todas se complementen.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a mesa de traballo cos sectores produtivos | Descargar mp3

Noticias relacionadas